A SS vai no F.E.M.E. (e 2)
En Ferrol parei menos de 3 horiñas, pero deume tempo a tomar un té cuns amigos, ver o paso dunha procesión de Venres Santo da famosa Semana Santa ferrolá e mesmo mercar un billete de FEVE con destiño á Mariña luguesa.

Xa ía avisado polos meus amigos da lentitude, o excesivo traqueteo (ninguna ‘cosa normal ni corriente’ ) e incluso a probabilidade máis elevada que na Renfe de incidencias técnicas que provocaran retrasos.
O que non sabía era que este FEVE funciona como un auténtico cercanías para Ferrol con paradas cada pouco máis de 500 metros. A súa calidade de ‘estreito’ notábase nada máis entrar no coche xa que, no canto de ter 2+2 asentos por ringleira, separados por un corredor, só tiña 2+1 asentos en cada ringleira.
Os apeadeiros están moito máis coidados que os de ADIF, agora que a vía e o material móbil, están en iguais ou peores condicións.
Consecuencia deste mal estado era que, a pesar da baixísima velocidade do convoio, as xeiras que nos daba acadaban ás veces unha violencia extrema que me fixeron pensar que estaba a piques da hernia discal en máis dunha ocasión, ó provocar unha torsión súpeta na zona superior das costas mentres a inferior permanecía inmóbil pegada á cadeira.
Na estación de Viveiro (que ten outra das Semanas Santas máis concorridas do país) cruzamos ó “Transcantábrico“, un tren de aspecto limpo e renovado, aínda que de deseño clásico, por non decir antigo, que pretende ser de luxo, polo prezo do billete e polo tempo que tarda en facer o seu percorrido turístico. O coche “País Vasco” era o coche pub; o coche “Asturias” era o coche salón e o coche “Galicia” era, como non podía ser doutro xeito, o coche bar…
En Cervo pasamos xusto ó lado da factoría de Alcoa en San Cibrao, unha das poucas industrias de verdade ubicadas no territorio galego con porto propio.

A partir de Burela a noite impediu obter máis fotos e a vista tivo que centrarse en algunha lectura inconclusa das que levaba na mochila.
O balance final do viaxe é que só a necesidade o xustifica, xa que nin o prezo, nin as vistas, nin a comodidade nin a súa suma son abondas para elexir este medio de transporte. Non só o FEVE ou o camiño de ferro son un desastre senon o transporte de viaxeiros en xeral, incluíndo o que se fai por estrada. O último que me pasou foi no momento de desprazarme a Ferrol, tiven que facelo en tren unha hora máis tarde do previsto e por tanto perder o FEVE das 15:18h simplemente porque a compañía que ten a concesión administrativa para a ruta Coruña - Ferrol, ten uns horarios na súa web que non respecta. Deixadez das súas funcións por parte da administración que xestiona as concesións, incumplimento por parte da empresa e desidia por parte de algúns dos empregados (o encollemento de hombreiros é un procedemento ideal de atención ao cliente para moitos deles).
Por todo isto, o sistema de transporte de viaxeiros en Galicia podería describirse coas siglas Fe.M.E. (Ferrocarrís de MENTE Estreita).
A SS vai no F.E.M.E.
Estou lendo o libro “El ferrocarril en Galicia”, que merquei hai pouco a través dunha libraría galega que vende contra-reembolso. O libro, como o seu autor afirma, non pretende ser un tratado técnico e pormenorizado pero si un acta do estado actual do transporte ferroviario en Galicia (centrado no transporte de viaxeiros), unha recapitulación de como se chegou a este punto e unha serie de apuntamentos da dirección que podería coller este precario medio de transporte no noso país.
Como veredes por algún dos meus primeiros posts, fun quen de vivir en primeira persoa o lamentable estado do camiño de ferro no traxecto Lugo-A Coruña. A liña A Coruña - Santiago - Vigo xa a empregara hai tempo i é das menos malas.
Nesta Semana Santa, que pasei por estas nosas terras, tiven ocasión de coñecer o tramo A Coruña - Ferrol a a maioría do trazado do FEVE en Galicia.
O tramo Coruña - Ferrol está na liña dos peores trens de Europa, como a liña Coruña - Monforte. Este rexional tarda 1 hora e 20 minutos en cubrir a distancia que separa as dúas cidades cando pola estrada pode chegarse en menos de media hora. Os horarios son igualmente lamentables así como os vagóns autopropulsados que fan o servizo.
Dous detalles que fan o viaxe un chisco máis soportable son a beleza da presa de Cecebre e as vistas da ría do Eume nun venres santo soleado.

E nisto que cheguei a Ferrol do Canciño. (To be continued)
Visite Cuervolandia
Entre lusco e fusco, sentado diante do samovar, pouso o meu portátil sobre os xeonllos e dedicome a explorar a rede. Páxinas de aquí e de acolá nunha tarde de total vagabundaxe (chuchando un kvass, si… )
Están as páxinas de sempre, visitadas por interese ou por costume. Están tamén os descubrimentos, frecuentemente decepcionantes e, mui raramente, estimulantes.
Hoxe ofrézovos a recomendación dun blog recén descuberto. Singular, diferente, inquedante. Un parque de atraccións perdido no medio do deserto. Un lugar para visitar, do que non se pode sair indemne. Pensádeo ben antes de entrar. Eu ando apalpando aínda o corpo por ver se me falta algún órgao vital depois de visitar “Cuervo, cuervo, cuervo, landia, landia……….landia…“
A delgada capa de xeo
Teño un amigo economista que predixo que o capitalismo colapsaría en 1999 e que o mundo acabaría tal e como o coñecemos. Pode parecer exótico, pero eran outros tempos. De feito, en Decembro daquel mesmo ano, un amigo informático augurou inmensas catástrofes por causa do efeito 2000. Ambos son persoas sensatas e intelixentes, cuxo criterio respeito, pero parece que, no terreo catastrofista, erraron.
O temor a un cataclismo que nos varra da Terra acompaña o noso imaxinario desde antergo. Supoño que aos europeus descendentes dos superviventes da Peste Negra nos quedou o medo no corpo.
Pero, mentres diriximos a nosa paranoia cara obxectivos equivocados, como un meteorito que extinga a especie ou unha gripe asiática que comece por exterminar a Coren para despois aniquilar a humanidade, o verdadeiro perigo asexa.
Deixade de escrutar o ceu ou o xornal buscando sinais dunha próxima catástrofe. O mundo, de certo, está para acabar e o desenlace non vai ser mui grato. Pero non será súpeto e fulminante, pois os xinetes da apocalipse han vir a trote. E é que o final que se aveciña, amigos, chegará a modo. Na realidade, xá está aqui. Examinemos un par de exemplos:
Ler máis
Be caldo my friend
Aínda lembro cando tiña doce anos e lacazaneaba polos corredores da librería do Corte Inglés da Coruña mentres os meus tíos mercaban nas prantas superiores. O andar que máis me fascinaba era o adicado a deportes, máis concretamente no lateral adicado ás artes marciais, o cal estaba razoablemente poboado para estar falando do ano 89. Había libros con títulos imposibles de ler e que falaban de artes descoñecidas ata polos iniciados no pequeno mundo das artes marciais. Títulos tan suxerentes como “Tai Ji, El fundamento Supremo“, “Las ocho piezas del brocado“, “El Tao del JeetKuneDo” desafiaban á miña capacidade de concentración nun só exemplar. Ler máis
Por unha manchea de cópecs
Hai pouco faláronme de varias webs que che permitían crear deseños de camisetas, viseiras e outros textís e complementos, subilos e crear unha “tenda” de xeito totalmente gratuito. Se alguén merca algunha das camisetas que tes na túa tenda pois danche unha esmola, uns cópecs para que tomes un té ben quentiño, que no outono e inverno chairego boa falta que fai.
Despois de mirar dúas ou tres decidinme por facer a proba e “abrir” unha tenda en spreadshirt, porque está en Europa e os envíos con moito máis rápidos e fiables. Neste mesmo momento non teño aínda ningún deseño pois estou afacéndome ó seu deseñador e a como subir os arquivos vectoriais para a impresión de “trazado”. Piden arquivos EPS (Postscript encapsulado) onde todo sexa vectorial, incluido por suposto o texto. Xa teño varias ideas que en breve estarán dispoñibles principalmente para que as vexa quen quera e se lle apetece, pois que a merque. Os gastos de envío normais son bastante baixos, creo que uns 3,50 euros. Eu estou agardando a que me chegue unha camiseta que deseñei para min sobre a marcha, antes de crear a tenda, e xa comentarei no blogue a calidade da mesma.
A ligazón á tenda ademais de estar no lateral dereito, é esta.

