Saturday, 05 de July do 2008

E pur si chove.

Somos carne de roxón

Ista é unha “criación” que lle dictei a Zajar recén esperto e sen erguerme da cama no Nadal do ano pasado, para ser cansinamente exactos, o día 20. Que a sufrades con saúde…

Xa foron,
da caste dos afoutos loitadores
na impostura da batalla
de sangue ceibe e quente,
xuntos, atravesados por mando;
xuntos, cun intre de morno atino.

Non volveron,
ninguén soubo
canto de zuna inserida
e canto de muda ignorancia.
O que querían contar os vivos,
ante só a cinsa,
a morte dixo.

O xantar de medianoite
a cea da alborada.
Unha androlla de miolos
e un caldo sen fabas.

A vida en desgaste
unha artesa con armas
non pasamos traballos
e morremos sen canas.

Working class Pyros

Non se pode dicir que o meu anecdotario de entrevistas en procura de emprego sexa amplo, mais algún detalle curioso si que vivín.
Algúns relacionados coa miña propia falla de pericia e a maioría cubertos de curta-vision e falla de profesionalidade por parte dos patróns candidatos ou os que, por delegación, tiñan os primeiros contactos cos vendedores de forza de traballo propia.
Unha desas situacións deuse hai un par de anos, cando eu poñía o meu maxin ao servizo dunha mercantil que “me pagaba por eso” unha cantidade isrrisoria de euros. Mediante un contacto, ofrecéronme charlar con dous “emprendedores” que iniciaban negocio propio e necesitaban dunha persoa con perfil e experiencia equivalentes aos meus.
Accedín a falar con eles para coñecer as súas propostas, ideas e visións.
“Proxecto ilusionante”, “proposta arriscada”, “flexibilidade”, “gañas de aprender”, “comezo complicado pero futuro prometedor”, “coñecemento fondo do mercado” eran cancións xa coñecidas para min, que repetiron nesa primeira charla máis dunha vez.

Despois de examinar o meu C.V. expllicáronme o ben que eu encaixaba no seu proxecto e canto gostarían de terme con eles.
Cando chegou a hora dos cartos preguntáronme canto gañaba no meu traballo naquel momento, eu (tonto de min) díxenlles a mísera cantidade que percibía e con isto quedamos emprazados para unha vindeira reunión en data a concretar.

Aos 4 días produciuse a reunión na que eles me entregaron dentro dun sobre un papeliño, ao que eles chamaron “oferta”, no cal só constaba o seu interese de que traballase para eles por unha cantidade un 15% inferior (si, escribín ben) á lamentable cantidade que gañaba daquela.

Eu, ao ler aquilo, erguín a ollada do papel e mirei cara a faciana dun deles, e si, era en serio. Volvín a lelo para asegurarme e ao voltar a fixar a ollada nos ollos do outro este deuse conta da miña pregunta silenciosa… “Beeeeeeeen”, dixo, empezando a estirar as vocais, sen saber como continuar. “Isto é unha aposta pola túa parte tamén, hai que arriscar…” dixo o outro. “Agora é un desafío pero os beneficios a medio prazo serán abondosos, tanto en mellora salarial como en aumento de responsabilidades”.
¿Ofrecíanme particiapar no capital da empresa ou retribuirme accións? Pois non, nada diso, por non haber non había nin parte variable na retribución nin ningún tipo de beneficio social (seguro de vida, saúde, ticquets restaurante, etc.)
Eu estaba alucinado, querían pasarme o risco de ser empresarios a min!!! Eu tería risco de quedar sen emprego despois de deixar o que eu tiña, cun salario inferior e sen un futuro claro, sen beneficio asegurado aínda que as cousas tirasen ben.

Sen facer comentario algún rexeitei a “oferta”, ofendido interiormente, iso si, polo uso que fxeron da miña sinceridade ao revelarlleso meu salario do momento.

Estes son, irmáns, os “Emprendedores” que temos por aquí.

Em-prendamos o lume neles…

P.D. Casos deste estilo coñeza máis, nin un nin dous.
P.P.D. Máis tarde entereime que conseguiran entrampar a un incauto se experiencia laboral e hai uns dez días contáronme que un dos dous socios abandonou o barco aos 4 meses da miña entrevista.

Por unha presada de machacantes

En Terra das Sombras, C.S. Lewis pregúntalle a un seu colega algo así como: “non tens a sensación de estares malgastando a tua vida?”, o outro ergue a vista dos seus papeis e responde con tranquilidade: “naturalmente”.

Mesmo eu, meus queridos discípulos, por veces flaqueo na miña, nosa, fe oblomovita. Asáltanme pensamentos do estilo: “será unha perda de tempo pasar os seráns a apampar no xardín moulando unha empanada preparada por Agafia Matvéievna?”. É en momentos como este cando caio presa desa vertixen que nos leva a tomar conciencia da nosa feble posición no cosmos: un lene fulgor entre eons de escuridade. Que nos obriga a rebelarnos ante a nosa ínfima e efímera condición. Que nos impulsa a fazer algo perdurable, algo grande… a fazer algo, polo menos!

Como comprenderedes, estes son accesos que todo home sensato debe aprender a acougar e suprimir. Cadaquén ten as suas técnicas. Algúns traballan, outros seguen a liga de fútbol e a maioría, en fin, entrégase ao atordoamento do consumismo e a compra compulsiva. Eu, como sempre, estou coa maioria.

Asi que hoxe tirei o pó da levita, penteei as patillas, e fun a un dos multiples establecementos expendedores de tonto-felicidade que inzan a nosa metropolitiña. É un lugar mui feitiño onde uns mozos con chaleque verde e gafas de pasta nos venden a ilusión (que nós estamos ansiosos de mercar) de que a Cultura é un produto que se pode adquirir, por uns pouquiños de euros, en forma de libro ou DVD. De modo que, abríndome paso entre fieis leitores de “El País de las tentaciones” e salvando as turbamultas que se daban de golpes por adquirir discos de Laurent Garnier, fun enchendo a cesta coa miña ración de ocio disfrazado de cultureta.

O resultado da expedición foi o seguinte:

-Un DVD edición de coleccionista de “Sacrificio”, de Tarkovski (para porme á altura).
-Un DVD cun apaixoante caso da señorita Marple (para compensar).
-Os “Ensaios” de Montaigne (en tradución castelá, eu son así de iletrado).
-Un exemplar de “Contra la incontinencia urbana” de Bohigas (para cultivar algo a profesión e calar a mala conciencia).

Total, unha presada de machacantes. Enterrar un par de días os remorsos por malgastar unha vida, non tén prezo.

Pechando o anel

Cando onte instalei no meu N73 un lector de ebooks e metín o libro para voltar a ler de “Jim Botón y Lucas el maquinista” de Michael Ende, sentín como que retornaba ó momento en que lin un dos primeiros libros da miña vida, en edición do “Círculo de Lectores”, que non aguantou máis de 5 anos sen que lle comezasen a caer as follas, unhas veces espontáneamente e outras por causa da miña irmá. O curioso é que a pesar de que os textos de Michael Ende se fixeron coñecidos a raíz do éxito de “A historia sen fin”, eu ese “best-seller” non o lin ata moito máis tarde, calculo que ata os 12 ou 13 anos.
Pero isto non é todo, busquei “Jim Botón” na Wikipedia e caín na conta de que estiven perdendo os últimos 25 anos lendo todo tipo de obras, cando… ¡¡hai unha segunda parte!!, “Jim Botón y los trece salvajes”. Xa estou tentando adquirila.
Outros dos meus libros de rapaz foron “Apaches e comanches” ou “La venganza de Winnetou” de Karl May.
Certamente resulta curioso que as miñas primeiras lecturas, de temática tan dispar, viñesen de autores alemáns.

GSM must die

A última raiola de sol coábase polo medio das contras, de madeira envellecida artificialmente, entreabertas. Eu, espido na cama, só, enchoupado en suor, escoitaba o constante berro das ocas ao lonxe. Unha chamada de móbil dábame tregua e oportunidade de quedar a soas coa raiola, o silenzo de oca doente e unha noitiña de turismo rural.
Aire puro, silenzo, rebumbio mol do campo e sexo sen culpa. Naquel momento de suspensión da existencia, ou alomenos de soidade consciente, atacaron, sen agardar ó amencer, as preguntas estricnínicas de sempre, “¿Que fago eu aquí?”, “¿É isto o que quero?”, “¿E con quen quero?”, “¿Por que non armarán máis batifoula esas ocas?”, “¿Debería de me sentir mal?”

As ocas acababan de pór un ovo e tentaban escorrentar ás pitas que se achegaban a el; a terceira pregunta respóstase cunha negación, é todo o que sei e fun quen de arranxar dentro da miña cachola antes de notar unha presión morna e de tacto lene que me levou a tontería de vez co primeiro aloumiño.

Maldita cobertura GSM!!!!

Unha noite na Mariña

[…] unha noite non é nada. Unha semaniña enteira, esa si que é mariñada.

Unha paella maxistralmente executada polo meu tío, bon pan, churrasco.
Uns baños no mar Cantábrico, nin Caribe nin Mediterráneo, en mar aberto, nin ría nin cala nin ostias en vinagre. Auga fría de xustiza pero que deixa a un coma novo.
Un pouco de sol e moito nordés. Aire maiormente puro, praias grandes e abertas de area clara e moi baleiras. E a hortiña, que non falte!
O sitio onde unha boa siesta máis presta.
O  mar
A Mariña luguesa, un auténtico paraíso para quen goste da praias sen ter que torrarse coa calor.
Sempre será un pracer disfrutala de cando en vez, alomenos mentres non avance a súa “marbellización”, de mans de constructores interesados, especuladores novatos e alcaldes iñorantes, féridos e duros, imbéciles e escuros.

Só que en Marbella alomenos tiñan rede de saneamento, aquí nin chegaron a iso. Tifus para todos!

« Páxina anteriorPáxina seguinte »