Aninovo no tobo
Eu, Iliá Ilich, nacín de familia rica, e aínda que pra nada necesito que este blogue reciba miles de visitantes diarios que me enchan as artesas de ouro, si que me relaxa e aleda, ver nas corredoiras da miña O-Blog-movka unha morea de dilixentes mujiks bulindo, traballando, respirando e vivindo. Como vexo un pouco morto o pobo estou matinando en empezar a traer por estes lares o que da resultado nos pobos veciños para atraer mujiks traballadores, artistas e demais que me fagan a vista máis placenteira. Non é unha fórmula moi definida, mais hai cousas que nunca fallan: cus, tetas, confidenciais, casinos online, saudades da infancia, etc.
Din que se escribes cousas interesantes e cun estilo elegante tamén funciona, pero non está demostrado. O outro que puxen si que non ten perda.
Polo tanto non vos sorprendades dun xiro comercial do blogue e de entrar un día e atoparvos un cambio visual impactante. Ameazados estades.
En canto ás reflexións de comenzo de ano, eu sigo nas mesmas, en certos aspectos, os mesmos castelos no aire de sempre. O cartón de conducir, a esgrima con sable, o jiujitsu, os mareos da agulla, dominar o mundo (ups, xa estou pensando por escrito de novo)…
Como dicía un coñecido meu, Mitia Karamazov:
“[…] ¡Bah! Bebe e non penses en nada. Amo a vida, e ameina moito, deica a fartura. Bebamos pola vida, querido… ¿Como podo estar contento? Eu son vil, a miña vileza atorméntame, e, aínda así, estou ledo. Bendigo a creación, estou pronto a bendicir a Deus e ás suas obras, mais… teño que destruir en min un mal insecto que ataca ás vidas alleas.¡Bebamos pola vida, irmán! ¿Hai algo máis fermoso? Bebamos tamén pola raíña das raíñas.”
O funcionario Piotr Ilitch respostoulle o que eu debería ter dito no post “Agulla de marear“: “Ben. Bebamos logo pola vida e pola túa raíña.”
P.D. Por certo, desde que vou a ximnasio (un dos vindeiros posts será arredor da fauna dese biotopo) e a clase de baile, ó ver cousas coma esta, dame ganas de intentalo…
P.P.P. E finalmente, desexo que pasedes un feliz, relaxado, vagaroso 2007. Kvass, vodka e té pra todos!!! Corre da miña conta.
Be caldo my friend
Aínda lembro cando tiña doce anos e lacazaneaba polos corredores da librería do Corte Inglés da Coruña mentres os meus tíos mercaban nas prantas superiores. O andar que máis me fascinaba era o adicado a deportes, máis concretamente no lateral adicado ás artes marciais, o cal estaba razoablemente poboado para estar falando do ano 89. Había libros con títulos imposibles de ler e que falaban de artes descoñecidas ata polos iniciados no pequeno mundo das artes marciais. Títulos tan suxerentes como “Tai Ji, El fundamento Supremo“, “Las ocho piezas del brocado“, “El Tao del JeetKuneDo” desafiaban á miña capacidade de concentración nun só exemplar. Ler máis
Tojeiro moito mellor!!!
Un clásico eterno. Hai que deixarse levar pola arte deste mestre da declamación. Aposto que cando viu este video, unha antiga profesora miña de literatura no instituto, deuse de baixa no clube de fans de Paco Valladares para poder ingresar no de Pepe Tojeiro (Si, é incompatible a pertenza a un e ó outro)
Por suposto, no caso de hecatombe planetaria, o señor Tojeiro, protagonista deste vídeo, sería indiscutible merecedor de ocupar unha das limitadísimas prazas do vehículo que conducise ó mellor da humanidade a perdurar noutro planeta habitable.
Bición (II): O caso Lugo
Para falar de algo que me atinxe como chairego e como asinador de plans e planos, no PXOM de Lugo hai alomenos dous casos significativos:
- O das costas do parque Rosalía de Castro.
- O do barrio de Albeiros.

