Saturday, 05 de July do 2008

E pur si chove.

Un certo aire

Xusto antes de cear disfrutei dun capítulo da mítica serie “Buck Rogers no século XXV“. O certo é que sempre a levaba impresa no meu maxín pero non voltara a vela desde cando eu tiña 10 ou 11 anos.
Aquelas tardes de domingo, sabendo que o día seguinte tocaba voltar á escola, no medio dos meus curmáns e tíos que
amolaban cambiando a canle na casa dos meus avós, e mesmo a miña nai chamándome para marchar.
Tardes de domingo, tardes de inverno, tardes dos anos 80, tardes da Terra Chá. Tardes nas que, de pé a carón do aparello para non perder ren dos diálogos, asistía a esas dúas marabillas, esas dúas fontes de felicidade infantil, como eran “Quantum Leap” e “Buck Rogers”. Adobiaban esa doce inestabilidade infantil do domingo pola tarde, que a min me parecía terrible, na que, cos anos, aprendín a manterme de pé e que non era nada ó lado da inestabilidade coa que me tocou lidiar o resto da miña vida, ata este mesmo intre. O que tocaba ao terminar este momento de doce pracer, morno pola calor da cociña de leña dos meus avós, era sairmos cara ao coche do meu pai, con temperaturas de 4 ou 5 graos baixo cero, e pasar baixo o carballo da entrada, o cal saudei con agarimo na miña última visita á terra. Nunca, nin na miña máis precoz consciencia, crin en Deus, pero disto xa falarei máis adiante. O carballo da entrada da casa dos meus avós é o máis parecido á inmortalidade que coñezo no meu entorno íntimo.
Voltando á serie, certo é que vista hoxe, os efectos “ordinarios”, as indumentarias, os efectos de son lisérxicos, os peiteados, esa visión “naive” do futuro, para min, no canto de perder, gaña moito. O Twiki e o doutor Theopolis provocan compaixón polo pouco conseguidos que están, estaban no século XXV pero as pantallas eran de fósforo verde (as máis avanzadas), os robots estaban interpretados por actores cubertos por un mono prateado ben axustadiño, as mulleres que pertencen a algún corpo militar van con escotados traxes ao máis puro estilo “Barbarella”. Unha auténtica delicia. Aiiii, esta corrente de gastar millóns e facer todo realista e dixital 3D… E a nosa imaxinación, que sitio lle queda?

Non podo deixar de citar tampouco esa rareza de serie que non durou moito na TVG pero da que eu, como bicho raro que era, gostaba moito, a inclasificable “Manimal“. Cando aqueles primeiros programas de “morphing” facían furor.

E agora, cando estou nos trinta, véxome no espello antes de cear, e si, meus, teño un aire a Buck Rogers, que agardo irá a máis cos anos.
Hei levarlle unha fotografía de Gil Gerard ao meu barbeiro para que me deixe ben peiteadiño o cabelo para acentuar o parecido. El tiña máis pelo ca min, pra que enganarnos.

Mirando pra onte ao solpor

Estou nun deses momentos da vida de calquera ser con memoria onde as cousas parecen lembrar o pasado supostamente superado case a cotío. Xente que parecía ter tragado a terra aparece de súpeto na situación máis insospeitada, contas correntes que pensabas canceladas había anos que reclaman as súas comisións de mantemento, vellas mini-doenzas que agroman con forza no inicio do outono, afectos sepultados baixo unha grosa capa de esquecemento da que descubres que podía ser grosa mais non impermeable…

O pasado volta tamén nun tema recurrente nesta folla parroquial, as miserias e mesquiñanzas do camiño de ferro na Galiza, por abondar no tema, un reporteiro do xornal fixo os traxectos a Madrid e Barcelona en tren e foi quen de comprobar que un viaxe de 25 anos atrás no tempo é posible nestas máquinas de Renfe, sufrindo, iso si.

Nestes momentos é cando a miña nai aproveitaría para dicir: “Espabila home, levas vintecinco anos mirando pra onte.” A min.
E ao camiño de ferro, tamén.

Somos carne de roxón

Ista é unha “criación” que lle dictei a Zajar recén esperto e sen erguerme da cama no Nadal do ano pasado, para ser cansinamente exactos, o día 20. Que a sufrades con saúde…

Xa foron,
da caste dos afoutos loitadores
na impostura da batalla
de sangue ceibe e quente,
xuntos, atravesados por mando;
xuntos, cun intre de morno atino.

Non volveron,
ninguén soubo
canto de zuna inserida
e canto de muda ignorancia.
O que querían contar os vivos,
ante só a cinsa,
a morte dixo.

O xantar de medianoite
a cea da alborada.
Unha androlla de miolos
e un caldo sen fabas.

A vida en desgaste
unha artesa con armas
non pasamos traballos
e morremos sen canas.

Working class Pyros

Non se pode dicir que o meu anecdotario de entrevistas en procura de emprego sexa amplo, mais algún detalle curioso si que vivín.
Algúns relacionados coa miña propia falla de pericia e a maioría cubertos de curta-vision e falla de profesionalidade por parte dos patróns candidatos ou os que, por delegación, tiñan os primeiros contactos cos vendedores de forza de traballo propia.
Unha desas situacións deuse hai un par de anos, cando eu poñía o meu maxin ao servizo dunha mercantil que “me pagaba por eso” unha cantidade isrrisoria de euros. Mediante un contacto, ofrecéronme charlar con dous “emprendedores” que iniciaban negocio propio e necesitaban dunha persoa con perfil e experiencia equivalentes aos meus.
Accedín a falar con eles para coñecer as súas propostas, ideas e visións.
“Proxecto ilusionante”, “proposta arriscada”, “flexibilidade”, “gañas de aprender”, “comezo complicado pero futuro prometedor”, “coñecemento fondo do mercado” eran cancións xa coñecidas para min, que repetiron nesa primeira charla máis dunha vez.

Despois de examinar o meu C.V. expllicáronme o ben que eu encaixaba no seu proxecto e canto gostarían de terme con eles.
Cando chegou a hora dos cartos preguntáronme canto gañaba no meu traballo naquel momento, eu (tonto de min) díxenlles a mísera cantidade que percibía e con isto quedamos emprazados para unha vindeira reunión en data a concretar.

Aos 4 días produciuse a reunión na que eles me entregaron dentro dun sobre un papeliño, ao que eles chamaron “oferta”, no cal só constaba o seu interese de que traballase para eles por unha cantidade un 15% inferior (si, escribín ben) á lamentable cantidade que gañaba daquela.

Eu, ao ler aquilo, erguín a ollada do papel e mirei cara a faciana dun deles, e si, era en serio. Volvín a lelo para asegurarme e ao voltar a fixar a ollada nos ollos do outro este deuse conta da miña pregunta silenciosa… “Beeeeeeeen”, dixo, empezando a estirar as vocais, sen saber como continuar. “Isto é unha aposta pola túa parte tamén, hai que arriscar…” dixo o outro. “Agora é un desafío pero os beneficios a medio prazo serán abondosos, tanto en mellora salarial como en aumento de responsabilidades”.
¿Ofrecíanme particiapar no capital da empresa ou retribuirme accións? Pois non, nada diso, por non haber non había nin parte variable na retribución nin ningún tipo de beneficio social (seguro de vida, saúde, ticquets restaurante, etc.)
Eu estaba alucinado, querían pasarme o risco de ser empresarios a min!!! Eu tería risco de quedar sen emprego despois de deixar o que eu tiña, cun salario inferior e sen un futuro claro, sen beneficio asegurado aínda que as cousas tirasen ben.

Sen facer comentario algún rexeitei a “oferta”, ofendido interiormente, iso si, polo uso que fxeron da miña sinceridade ao revelarlleso meu salario do momento.

Estes son, irmáns, os “Emprendedores” que temos por aquí.

Em-prendamos o lume neles…

P.D. Casos deste estilo coñeza máis, nin un nin dous.
P.P.D. Máis tarde entereime que conseguiran entrampar a un incauto se experiencia laboral e hai uns dez días contáronme que un dos dous socios abandonou o barco aos 4 meses da miña entrevista.

Trompadas de alegría

   Hoxe pola tarde, despois dun día de traballo tedioso e sobrecargado de funcións estranas ao meu posto, no canto da siesta coa que me agasallo algúns venres, deume por mirar as novas na rede.

   A primeira na fronte. Lleo que o último número da revista “El Jueves” foi secuestrado hoxe por mandato xudicial. Hai máis información en moitísimos sitios da rede, entre deles meneame e “La Tejedora“.

   Despois de sorprenderme un pouco, xa que eu merquei ese número hai dous días (agardo non ter en cuestión de minutos aos G.E.O. botando abaixo a porta do meu piso para requisarme pola forza dito exemplar), pregunteime se realmente somos tan libres como cremos decote.
   Porque mentres teñamos que proclamar, sendo fieis á realidade, “Co/coa xxxxxxxx batemos” mal imos.
   A verdade é que a Igrexa xa pasa desas guerras, quen teña lido algunha historia de “Obispo Morales” de Ja, xa se dará conta que ten moitas máis papeletas para ser denunciada polos da sotana que a portada deste número 1.573.

   Por suposto, estamos deixando aparte o formalismo que o xuiz obviou (e sendo xuiz non se deben obviar) como é que en ningún lugar na portada nin na revista se di que os debuxos corresponden a ningunha persoa en concreto. Supoño que o xeito de facer o asunto ben é contratar un perito que afirme que os debuxos “imitan moito” ós príncipes. Delirante peritaxe. Delirante e sen validez algunha.

   Por outra banda o xuiz esixe ao director de “El Jueves” que identifique o autor ou autores do debuxo. Pero meu rei… teño a portada diante dos fuciños e o debuxo ven claramente ASINADO polo seu debuxante e polo seu guionista. Hai que graduar a vista.

   Por último, como dicía o director e o debuxante en diversos medios a demostración de que a medida é anacrónica e de extrema excepcionalidade (non proporcional ó mal inflixido polo debuxo, que ahí está a clave xurídicamente, penso) é que o xuiz que ordenou o secuestro da publicación, mandou á policía ir á sede do medio a confiscar os “moldes” ou “planchas” da citada portada… RISAS. Pero home de deus, se hai anos que non existen tales “moldes”, ergo… non hai nada que confiscar. Este debeuse quedar nos tempos de “Primeira plana” de Billy Wilder (grande filme que por outra banda non habería que mesturar neste noxento asunto e inmenso director nado en Galicia (si, si, o que ledes)).

   É tan marabillosa a Constitución que ten o estado español? ¿Garante as libertades e a igualdade? Para min a resposta é que aínda cumpríndoa e deseñando leis totalmente constitucionais, non se garanten as liberdades nin a igualdade ante a xustiza e poderes públicos de tódalas persoas. Si, amigos, aquí aínda hai castes. Con “intocables” e todo.

   ¿Que dirá Libertad Digital de todo isto?. A prol da liberdade?, a prol da Coroa?, a prol de “El Jueves”?, en contra de Conde Pumpido?, a prol do xuiz?, a prol da policía?, en contra dos debuxantes?, a prol dos quiosqueiros? Todas as anteriores a un tempo? Ninguna das anteriores?? Creo que coma sempre non o terán moi claro, agás no caso de intervención por parte dos seus amigos ou inimigos (como o fiscal xeral por exemplo), que será cando a súa liña editorial se faga cristalina e unidireccional.

   Nestes momentos é cando máis gañas teño de sair á rúa e a cada persoa que atope darlle, nos fuciños, unha trompada de alegría. Pero coma todos, despois destes minutos de desacougo pensando que non vivimos do xeito que pensamos que vivimos, marcharei á cama e mañá erguereime cedo, collerei a toalla e sairei pola porta cantando o de: “Moito me gusta tumbarme na areia da praia sereia […]”

   P.P.Hai uns minutos vin este encontro dixital co debuxante da portada, que me parece realmente xenial.

Porque eu

[…] teño unha banda de rock and roll. Ou iso parece.
Resulta que teño un amigo que se atopaba inmerso no proceso de creación dun grupo musical, con máis entusiasmo que acerto. El sabe tocar o saxo e un pouco a trompeta e xuntouse cun coñecido con parecido forzado a Frank Zappa (que deviría en líder do grupo) que sabía tocar a guitarra eléctrica. Entre os dous foron quen de atopar un aprendiz de machacador de batería, que alomenos leva o ritmo e un tipo que ten unha lixeira idea de tocar os teclados. Conviron en que o guitarrista exercería as funcións de vocalista habitual e os outros ademais de tocar o que puideran farían os coros e incluso poderían cantar algunha canción de cando en vez.

Un día quedei co meu amigo e inesperadamente vinme no medio dunha reunión fundacional dunha banda musical. Eu non tiña interese algún no tema e contrastaba a miña comtemplación do partido de fútbol sub-20 que había na TV do bar coa ruxidora discusión sobre o nome do grupo. Despois de escoitar algúns nomes realmente estúpidos, pensei que estaban nunha competición para ver quen dicía a chorrada máis monumental, daquela tomei a palabra e pregunteille ao líder oficioso da formación: “E ti como te chamabas?” El mirou para min con poucas ganas de falarme e deume o seu alcume para os amigos, eu repliquei: “Non, home, nome e apelidos.” El díxomos con cara de desconfianza. O meu cerebro en 5 milésimas de segundo arranxou un chisco as súas iniciais e a miña gorxa cuspiu: “Xa está, o nome é: ‘HADO y lo mejor de cada quásar‘” Engadín que polo mesmo prezo podería darlles un par de frases para cando lles preguntaran o porqué do nome.
Para a miña sorpresa, ninguén comezou a rir, o cal me desilusionou un pouco, pensara que a miña chorrada gañara o campeonato.
O que veu despois pódese adiviñar, os presentes, pero sobre todos o líder quedaron encantados co nome, o xefe díxome que podía formar parte do grupo como letrista e facer coros ou mesmo cantar algunha tonada. Eu sabía e sei das miñas limitacións melódicas principalmente como productor de son (máis das que teño como consumidor), pero atrevemento non me falta así que aceptei a proposta.

E aquí me tedes, tirándolle das orellas a Zajar por non terme o samovar listo e un anaco de queixo co cal aguilloar a criación da letra dunha canción que me encargaron para mañá.

Por certo o líder, agora si que xa o é oficialmente, é un tipo curioso. O meu amigo coñecíao por persoa interposta (proxy que din os americanos) e parece que dará para escribir máis dun post. Máis madeira!!!!

P.P. Non o busquedes, o grupo aínda non ten web nin fixo aparición en público ningunha. E non apostaría porque a chegue a facer, nin local de ensaio temos. E se dependen de que eu lles escriba algo que funcione despois de poñerlle música, xa podemos adicarnos a ser un grupo “revival” e tocar nas ceas mítin do Partido Galeguista… Carto seguro.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »