A sega do pan
Onte falaba miña nai cunha veciña que tamén tivo que partir cara ó exilio.
Falaban de como sempre procuraban ter a sega do pan feita para o día de Santiago para despois poder ir ás festas de Illán. Xa daquela era unha festa pequeniña, pero nun tempo no que non había TV ni Intenné nin nada diso, unha noite coas irmás e as veciñas no campo da festa era cousa bonita. E máis tendo en conta que sempre era despois de deixar ben rematadas as faenas no campo, nas cortes e na casa. Non había horarios.
Logo, xusto antes das festas do Luján había que ter segado e recollido o trigo. Outro traballo baixo un sol abafante, cheo de pó dos cereais, mallas multitudinarias… Traballos de verdade, non coma os nosos…
Pasade un bo día da Patria!
E para quen gaste Spotify, un agasallo.
P.P. Para quen non o saiba, “pan” na Terra Chá é o nome co que se coñece ao centeo. Aínda hoxendía “poñer unha leira de pan” significa sementar a leira con centeo.
Arrecendo de MSX
Na última visita á casa dos meus pais subín ao faiado e atopei unha caixa gris que facía anos que non abría, e ao ver aquel marabilloso letreiro de MSX non puiden deixar de desembalar de novo o meu primeiro PC, un Sony HB 501P .
E o máis marabilloso non foi lembrar tódalas tardes de entretemento, mesmo de aprendizaxe e misterio, senon o arrecendo de cando abrín a caixa por primeira vez.
Das poucas cousas que conservo na miña memoria de xeito nídio e a lembranza dese arrecendo mesturado coa ilusión de ter un PC, todo un MSX, parecido, mais distinto aos que había no cole.
O mellor é que ese marabilloso cheiro aínda se conserva en proporción ínfima. O poder detectalo aínda e que esperte esa zona da miña memoria fonda é algo tan tan tan pracenteiro…

