Grandes distancias
Na miña empresa usamos o Lotus Notes. Podémonos conectar a través da web, o cal quere dicir que é posíbel recibir e enviar mails de traballo comodamente desde a casa un sábado ás 10 da noite. Ainda non temos acceso á rede da oficina desde calquer sitio. Pero acabará por ocurrir, e xa me vexo facendo informes as 24 horas do dia.
Desde que se inventou o telégrafo ata hoxe, seguimos unha traxectoria nítida cara a inmediatez temporal e espacial. Anceiamos un mundo onde a información estea en todos os lugares, o que equivale a dicir en ningún. Cada vez percorremos maiores distancias en menos tempo e cun prezo menor. Recibimos mensaxes en tempo real e podemos mover o capital (quen o teña) polo mundo adiante instantáneamente e con custo cercano a cero -poucas cousas hai mais desprestixiadas hoxe en día, mesmo nun senso moral, que un arancel. En resumo, o que hoxe é, ou nos parece, bon é a inmediatez, a supresión das distancias e das dilacións, a accesibilidade total: a ubicuidade.
Había un tempo en que esperábamos dous anos para que unha película que non puideramos ver no cinema saíse en vídeo. En que un xogo nun Amstrad CPC 464 tardaba 15 minutos en cargar. En que cruzar Galiza para ir de Oblómovka ás Rías Baixas levaba tanto tempo que había que parar a xantar polo camiño. E eu aínda lembro a impaciencia con que volvíamos do videoclube coa cinta de “Commando” baixo o brazo, a expectación de ver como as últimas liñas horizontais completaban a imaxe de presentación do “Street Fighter”, e as empanadas que devoraba cos meus curmaos nalgunha leira perdida da Galiza interior, á espera de retomar a viaxe para chegar á praia. Canto mais esforzo requiren as cousas máis vívidas son as emocions que nos reportan.
E a min paréceme un adianto que haxa, por exemplo, liñas aéreas low-cost que che permitan plantarte en Londres por catro pesos. Só digo que antes unha viaxe por Europa era a viaxe da tua vida e agora… é un fin de semana mais nunha cidade que non está mal. Desde que todo está á volta da esquina, Vladivostok non é o que era. Todo isto está mui ben, pero acho que perdimos algo polo camiño.
Desde hai algún tempo, só resisto a literatura de evasión. Últimamente estou lendo a triloxía da Fundación, de Isaac Asímov. Sucede dentro dunhas decenas de miles de anos, cando a humanidade está espallada pola Galaxia enteira e xa nen lembra as suas orixes. Para poder desplazarse polas vastísimas extensions do seu hábitat as naves deben facer saltos hiperespaciais cos que cubren distancias de milleiros de anos luz nun instante. Pero estes saltos son dificultosos, un pode aparecer a varios parsecs de distancia do punto requerido e a unica maneira de escapar a unha morte segura perdido no vacío é buscar tres estrelas coñecidas entre a inmensidade da Vía Láctea para poder determinar as coordenadas da nave. Hai que pasar semanas calculando o seguinte salto mentres se come noxenta comida en lata. As comunicacions interestelares son caras e inseguras. Hai mundos que quedan isolados do resto da civilización e retroceden á barbarie. Asi pois, nese mundo hipertecnificado as cousas son difíciles, hai que ser paciente e teimudo para obtelas, hai que ser audaz e destemido, hai que ser… un aventureiro.
Pero o noso mundo xa é pequeno de mais para sermos aventureiros. Matamos as esperas infindas e os percorridos interminábeis e con eles a aventura.
Hoxendía, mires onde mires, encontras unha inflación lírica. Na TV, series de repetitivas e pretendidamente profundas relacions persoais; nos blogs, introspeccións e autoanálises baratas. Sentimentos, lírica por todas partes. Nunca entenderei o título da canción. O que hoxe vivimos son malos tempos para a épica. Porque sen grandes distancias non hai épica.
Pero non vos desanimedes, todo isto só quere dicir que agora o único pobo capacitado para a aventura somos os galegos.
comentarios
3 Comentarios to “Grandes distancias”
Deixa un comentario


Agradécese este cambio editorial, por fin un pouquiño de chicha.
¿Son eu o único que podería encaixar perfectamente aos músicos do video de Andrés do Barro nunha peli porno dos 70 compartindo protagonismo con John Holmes?
O dito, con post’s como iste, é posible que volte a visitar este blogue alomenos unha vez cada 2 meses…
Magnífica entrada. Engadir máis é tontería.
Eu véxolles un aire mais a Russ Meyer .Sobre todo ao do teclado.
Que fan os gurús do cinema galego coas súas subvencións? Non se decatan de que ainda está por facer a grande película do neorralismo patrio: “14 horas no Shangai Express”? Ou, “O home que cruzou a Península no Estrella de Galicia” (nada que ver coa as delicias cervexeiras que promete o nome)