No news, strange news
Outro lamentable día deses nos que te das conta de que, naturalmente, estás a queimar a túa vida como se dunha variña de incenso se tratase.
Nos que me pregunto: ¿Para que traballar?, se a capa de xeo está máis delgada ca nunca.
A carón da miña casa, xusto nos portais adxacentes hai dous bares, pero dous bares deses, de borrachos impenitentes.
Nun deles habitan como 3 ou 4 borrachos/as residentes, dos de curza 24×7, uns “Certified Chuzas”. Unha muller duns 55 anos que parece un cruce entre Mr. Potato e Don Pimpón, coa sua filla de 5 ou 6 anos que xa apunta maneiras para herdar esa tiara de Miss Universo, outra extremadamente delgada e esmaiolada, que ten pinta de ionki semiacabada e que non para de berrar ao seu fillo duns 7 anos. Tamén están os donos do bar, uns semivellos grises, e de cando en vez, anda por alí a sua filla duns 17 anos, preciosa, pel perfecta, ollos claros, na que agroma de xeito estrano a beleza nesa escura cova.
O outro garito é unha suposta hamburguesería con mobiliario dos anos 50, uns 30 metros cadrados de pó e cotra con rango de antigüidade, no que prácticamente só habita o dono, un home de calva sempre suorosa, camisa arremangada e uns 55-60 anos. Apostaría que a prancha non funcionou alomenos nos últimos dez anos e nunca acertei a ver máis de dúas persoas nese antro. ¿E como segue aberto? Pois… Tapadeira seguro…
En días como este é cando me vexo claramente como un non moi lonxano habitante dun deses dous garitos ou das súas virtuais franquicias en calquera cidade do mundo.
Porque probablemente será o que me quede, sacar o certificado.
No love, StrangeLove (Doutor).

