Saturday, 05 de July do 2008

E pur si chove.

Haute Athéisme

Cando era neno, desde o momento en que lembro, nunca tiven moita idea de que era iso de “Deus”. Será que os meus pais non me machacaron coa idea desde o berces, probablemente por deixadez, pero agradezo que non lles deran falaces argumentos aos que postulan que tal concepto é “innato” e natural ao ser humano.
Chegados os 7 ou 8 anos tocou empezar a preparar un dos hitos tradicionais da nenez: a primeira comunión. E por suposto, o proceso axeitado para preparar tal evento era ir á vella escola a aprender o catecismo.
Nesas aulas da vella escola que fedían a humidade e madeira podre, unhas velliñas beatas ou uns rapaces novos, facíannos un repaso voluntarioso do catecismo de “Ediciones Paulinas”.
Do que eles dicían e preguntaban aos meus compañeiros de sábado tarde eu deducía que eu era un tipo ben raro, ben anormal. Os meus compañeiros tiñan no seu cerebro e no seu corazón o concepto de Deus, polo que comentaban, incluso desde antes de saber falar. A min aquelo de eterno, omnisciente e todopoderoso soábame raro e curioso. Ó resto dos presentes parecialles o máis natural do mundo. I eu, marabillado.
Tamén hei de confesar por primeira vez que as miñas innumerables perrenchas coa miña nai para non ir ao catecismo e quedar vendo unha das múltiples películas de Tarzán ou unha de vaqueiros das que ponían en “Primera Sesión” tiñan un motivo oculto, o cal lembro que nin eu mesmo nese momento tiña claro. Ese motivo é que realmente detestaba as clases do catecismo. Consideraba que non aprendía nada, as aulas eran noxentas, os compañeiros uns descoñecidos, non como os da escola, cos que xa levaba 4 anos. E non era por non estudiar, o “Credo” ou o “Gloria” aprendino en 10 minutos antes dunha das clases, senon porque me desagradaba o raro que me sentía entre aquela xente dotada dese don tan común que era a fé.

Máis tarde, xa no instituto, tiven o atrevemento de preguntarlle ao profesor de Relixión de onde saía o concepto de Deus no ser humano, e por suposto recalcoume a súa condición de innato. Porque si, por imposición materna (e un pouco de medo ao descoñecido, hei recoñecelo), escollín Relixión no canto de Ética. Non aprendín moito, pero acumulei anécdotas a esgalla e frases que quedarán para a posteridade.

Lembro que cuns 12 ou 13 anos, escribín nun papeliño de libreta, unhas pequenas anotacións sobre o que eu cría que pasaba cando unha persoa morría, conviccións coas que sigo ata o momento. Ese papeliño perdeuse, unha mágoa, sería unha lembranza vital a gardar na miña artesa do tempo persoal. Eu considero ao respecto, que cando morremos, cando desaparece a nosa coordinación orgánica por morte cerebral, deixamos de constituir un ser pluricelular para ser un conxunto de células agonizantes non afeitas a vivir por separado, e pouco despois un anaco de materia orgánica, a cal o medio descomporá con maior ou menor celeridade. Despois de ese evento, nada. A reutilización da materia que nos constitúe por parte do medio, e punto.
A idea, o concepto da persoa falecida pode seguir na memoria de quen a coñeceu, ou mesmo formarse indirectamente na imaxinación doutras persoas que non tiveran contacto directo coa mesma.
Un dos principais argumentos que nos daban no catecismo para crer en Deus e nunha vida eterna era “o medo a que non haxa nada despois”. Non sei se será curioso, pero a min iso nunca me deu medo, pensar que se morro mañá, desaparecerei absolutamente, que non hai nada máis aló. Nin sequera me sume na desesperanza saber iso.

E iso que non fai falta moito para conseguir deprimirme…

comentarios

5 Comentarios to “Haute Athéisme”

  1. Iliá Ilich on 8 Decembro 2007

    Por suposto o título “Haute Athéisme” é un puro chiste. Como se ve no post, nunca lle din demasiada importancia á orixe das miñas crenzas ou descrenzas…

  2. Antitheosis on 14 Decembro 2007

    Unha vez un curmao sentou ao meu carón nun xantar de Nadal. Despois do terceiro vaso de sidra, e ao tempo que cuspía pequenos trozos de mazapán, comezou a explicarme as suas opinións (non solicitadas) sobre a irracionalidade do temor á morte (se un está, non está a morte; se está a morte non está un; bla, bla, bla…). Con argumentos como os teus, declarou non ser partícipe dese temor.

    Pregunteille enton porque seguía indo a revisións anuais co seu oncólogo. Lembreille, xa por deixarme levar (eu tamén bebera), que as taxas de mortalidade do cáncer que padecera eran moi altas, mesmo anos despois da extirpación do tumor, cousa que, supuña, non o debía inquedar moito. Incomprensiblemente, rompeu a chorar.

    Non volveron convidarme a mais xantares familiares naquela casa.

    De ateos destemidos da morte están as salas de espera cheas. Se deixásedes de ir ao médico, o Sergas tería cartos abondos para os ateos hipocondríacos que si a tememos, que o precisamos mais.

  3. Iliá Ilich on 15 Decembro 2007

    Indefinible AntiTheosis:
    O temor á morte non é exactamente o mesmo que o temor ao sufrimento físico ou emocional, aínda que un pode conducir ó outro ou mesmo á materialización do obxecto do outro.
    Daquela non é incompatible non temer a priori á morte con querer vivir con boa saúde.

  4. Antitheosis on 15 Decembro 2007

    A indiferencia respecto á ausencia de vida é incompatible con querer vivir (independentemente dos complementos circunstanciais que sigan).

  5. Gelbros J3 on 20 Decembro 2007

    ¡BRAVOOO! Polo tema, o desenrolo do mesmo e mais pola discusión. Eche un tema este que me “mola mazo” e sobre o cal espero poder (tamén eu) estenderme nalgún escrito.

    Deus é un paquetiño feito que a sociedade nos deixa na mente e na persoalidade dende a máis tenra infancia, un concepto bastante irracional ó cal nos acostumamos e aceptamos con máis normalidade que o aire que respiramos. Ese é o maior dos poderes de Deus, o das personas que o crearon e manteñen viva a idea.

    Tamén penso que é inevitable que, ó longo dun tempo, as preguntas inevitables que o grupo humano se fai e as incoherencias que atopa na natureza e non pode respostar, derivan no xerme da idea divina -se cadra, froito final da depuración dunha serie de supersticións e supercherías “explicativas” da realidade-. Porque o ser humano é intelixente, pensa en términos de causa-efecto, e rechea os ocos da súa ignorancia dun xeito ou outro; e moitas veces, alimentado polos demáis homes e mulleres cos que vive en sociedade, recurre a o maravilloso “3 en 1″ que é Deus, ten natureza impositiva e reguladora da convivencia, estimula a aparición de “portavoces” que controlan ós demáis, etc. etc. etc.

    Por último, que un non desexe morrer porque está a gosto vivindo, non significa que teña que aceptar o que moitos consideramos unha sarta de mentiras e pensar que en realidade sempre seguiremos a existir (tremendo isto), sempre seremos felices (somos seres humanos e por tanto tal cousa é absurda) e todo o que parece inexplicable realmente é inexplicable, porque Deus sinxelamente o quixo así.

    Un pode aceptar o que considera a realidade da morte sen desexar morrer de contado ou non sentir angustia ante a perspectiva dunha morte prematura.

    Saúdos a todos.

Deixa un comentario




*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image