Pei Lam ou a esfera do extraordinario
Desde que voltei a ir ao ximnasio e a practicar Tai Chi, coñecín ou alomenos observei a unha manchea de xente ben curiosa, probablemente a maioría non son nin raros nin están fóra do común, pero si merecen unha observación detida, aínda que o ánimo sexa puramente de ocio.
Unha desas persoas é o Pei Lam. É un rapaz chinés duns 25 anos. Ven dunha aldea do interior da China continental e curiosamente, sabía da existencia dunha arte marcial denominada TaiChi pero non tiña máis idea dela ata que chegou a Barcelona e lle deu por empezar a practicar. De feito fala bastante ben español e empezou coas clases de catalán moito antes de intentar a súa primeira forma marcial.
O sentido común diría que, no seu caso, a única vantaxe que tería sobre min para aprender TaiChi e facer T’ui Shou sería saber o significado dos nomes chineses dos exercicios e pronuncialos con total propiedade. Pero, a súa vantaxe xorde dunha característica moi persoal, probablemente favorecida polo entorno cultural e social que no caso das artes marciais e, na miña opinión, da vida, devén nunha característica de fonda importancia.
Porque, benqueridos e abondosos lectores meus, a derrota do ego, a aceptación da derrota, a aceptación da derrota do ego e mesmo a aceptación da cristalización do triunfo e da derrota son retos duros de carallo. Podes pensalo e repetilo 20 veces, pero no fondo, cando neses momentos de silenzo externo e conversa interna agroma a confesión sincera, caes na conta de que custa moito máis do que pensabas. A chegada aos límites no eido laboral, físico ou intelectual, unha perda no eido emocional… Son cousas contra as que loitamos con tódalas nosas forzas, para estirar os límites, ocultar esas limitacións ou mesmo evitar a perda dunha persoa que, cando somos sinceros con nós mesmos, confesamos que o noso ego nos obriga a evitar a perda por moi inútil ou causante de dor que sexa tal xesto irracional.
E o Pei Lam, ese miúdo rapaz chinés de aldea, a quen, polo que conta, a vida non tratou demasiado xenerosamente, ten todo iso asumido dun xeito natural. O sorriso co que che agasalla despois de cometer o seu enésimo erro no camiño de aprender é amistoso, franco e auténtico. O mesmo que exhibe xusto despois de ter un sorprendente acerto.
Pra rematala, volto por Nadal á Terra i en toda a cidade non se poden atopar marcos caros!!!! Meu Deus, cando subsanarán este deficit de anos de marcos caros? Cada ano pasa o mesmo, se os repoñen (que aínda non o sei) sempre que chego eu, acabáronse os marcos caros. Eu os baratos non os quero para nada…
Post Post
-Riiiiing
-Hello?
-Caroline.
-Sonny?
-I need to know some, Caroline. The way we used to be together, I… I don’t mean lately… but before. It was real, wasn’t it?
-Yeah, it was, it’d better was. Sonny, what’s wrong?
-Nothing, Caroline
Pois iso, amigo Sonny, aprende de Pei Lam.
Neve na Florida
Palmeiras, flamencos, un mozo facendo windsurf, una rapaza en bikini pola rúa, un xogador de jai-alai, o hipódromo, uns Rolls Royce, primeira liña de praia, un guacamaio, carreiras de cans, un edificio singular, dúas loiras en bikini saíndo dun hotel e unha carreira de lanchas offshore, intercalando varias tomas do mar desde un helicóptero a baixa altura.
Inconfundible, non é? Burnett ou Crocket, esa é a única dúbida que teño.
Esa doce e oitenteramente elegante decadencia…
Eses guións que escurecían en grande medida a luminosidade natural e artificial da Florida con maior recorrido dos personaxes que a maioría de series do momento.
Esa forma de laiar dos sintetizadores analóxicos de Jan Hammer (neses tempos nin samples nin pollas fritidas)
É o meu S. Andrés de Teixido, alomenos a indumentaria, as gafas e as localizacións.
O coche, o crocodilo e o iate ó peor quedan para despois de…
P.D. “Tes que aprender a soportar a calor, Ricardo. É como a vida, repetímonos tantas veces que non importa a calor que faga, cedo ou tarde virá unha airexa refrescante.” Sony Burnett en “Definitely Miami”. Capítulo 2×13. Miami Vice
Engado:
Haute Athéisme
Cando era neno, desde o momento en que lembro, nunca tiven moita idea de que era iso de “Deus”. Será que os meus pais non me machacaron coa idea desde o berces, probablemente por deixadez, pero agradezo que non lles deran falaces argumentos aos que postulan que tal concepto é “innato” e natural ao ser humano.
Chegados os 7 ou 8 anos tocou empezar a preparar un dos hitos tradicionais da nenez: a primeira comunión. E por suposto, o proceso axeitado para preparar tal evento era ir á vella escola a aprender o catecismo.
Nesas aulas da vella escola que fedían a humidade e madeira podre, unhas velliñas beatas ou uns rapaces novos, facíannos un repaso voluntarioso do catecismo de “Ediciones Paulinas”.
Do que eles dicían e preguntaban aos meus compañeiros de sábado tarde eu deducía que eu era un tipo ben raro, ben anormal. Os meus compañeiros tiñan no seu cerebro e no seu corazón o concepto de Deus, polo que comentaban, incluso desde antes de saber falar. A min aquelo de eterno, omnisciente e todopoderoso soábame raro e curioso. Ó resto dos presentes parecialles o máis natural do mundo. I eu, marabillado.
Tamén hei de confesar por primeira vez que as miñas innumerables perrenchas coa miña nai para non ir ao catecismo e quedar vendo unha das múltiples películas de Tarzán ou unha de vaqueiros das que ponían en “Primera Sesión” tiñan un motivo oculto, o cal lembro que nin eu mesmo nese momento tiña claro. Ese motivo é que realmente detestaba as clases do catecismo. Consideraba que non aprendía nada, as aulas eran noxentas, os compañeiros uns descoñecidos, non como os da escola, cos que xa levaba 4 anos. E non era por non estudiar, o “Credo” ou o “Gloria” aprendino en 10 minutos antes dunha das clases, senon porque me desagradaba o raro que me sentía entre aquela xente dotada dese don tan común que era a fé.
Máis tarde, xa no instituto, tiven o atrevemento de preguntarlle ao profesor de Relixión de onde saía o concepto de Deus no ser humano, e por suposto recalcoume a súa condición de innato. Porque si, por imposición materna (e un pouco de medo ao descoñecido, hei recoñecelo), escollín Relixión no canto de Ética. Non aprendín moito, pero acumulei anécdotas a esgalla e frases que quedarán para a posteridade.
Lembro que cuns 12 ou 13 anos, escribín nun papeliño de libreta, unhas pequenas anotacións sobre o que eu cría que pasaba cando unha persoa morría, conviccións coas que sigo ata o momento. Ese papeliño perdeuse, unha mágoa, sería unha lembranza vital a gardar na miña artesa do tempo persoal. Eu considero ao respecto, que cando morremos, cando desaparece a nosa coordinación orgánica por morte cerebral, deixamos de constituir un ser pluricelular para ser un conxunto de células agonizantes non afeitas a vivir por separado, e pouco despois un anaco de materia orgánica, a cal o medio descomporá con maior ou menor celeridade. Despois de ese evento, nada. A reutilización da materia que nos constitúe por parte do medio, e punto.
A idea, o concepto da persoa falecida pode seguir na memoria de quen a coñeceu, ou mesmo formarse indirectamente na imaxinación doutras persoas que non tiveran contacto directo coa mesma.
Un dos principais argumentos que nos daban no catecismo para crer en Deus e nunha vida eterna era “o medo a que non haxa nada despois”. Non sei se será curioso, pero a min iso nunca me deu medo, pensar que se morro mañá, desaparecerei absolutamente, que non hai nada máis aló. Nin sequera me sume na desesperanza saber iso.
E iso que non fai falta moito para conseguir deprimirme…
Un certo aire
Xusto antes de cear disfrutei dun capítulo da mítica serie “Buck Rogers no século XXV“. O certo é que sempre a levaba impresa no meu maxín pero non voltara a vela desde cando eu tiña 10 ou 11 anos.
Aquelas tardes de domingo, sabendo que o día seguinte tocaba voltar á escola, no medio dos meus curmáns e tíos que
amolaban cambiando a canle na casa dos meus avós, e mesmo a miña nai chamándome para marchar.
Tardes de domingo, tardes de inverno, tardes dos anos 80, tardes da Terra Chá. Tardes nas que, de pé a carón do aparello para non perder ren dos diálogos, asistía a esas dúas marabillas, esas dúas fontes de felicidade infantil, como eran “Quantum Leap” e “Buck Rogers”. Adobiaban esa doce inestabilidade infantil do domingo pola tarde, que a min me parecía terrible, na que, cos anos, aprendín a manterme de pé e que non era nada ó lado da inestabilidade coa que me tocou lidiar o resto da miña vida, ata este mesmo intre. O que tocaba ao terminar este momento de doce pracer, morno pola calor da cociña de leña dos meus avós, era sairmos cara ao coche do meu pai, con temperaturas de 4 ou 5 graos baixo cero, e pasar baixo o carballo da entrada, o cal saudei con agarimo na miña última visita á terra. Nunca, nin na miña máis precoz consciencia, crin en Deus, pero disto xa falarei máis adiante. O carballo da entrada da casa dos meus avós é o máis parecido á inmortalidade que coñezo no meu entorno íntimo.
Voltando á serie, certo é que vista hoxe, os efectos “ordinarios”, as indumentarias, os efectos de son lisérxicos, os peiteados, esa visión “naive” do futuro, para min, no canto de perder, gaña moito. O Twiki e o doutor Theopolis provocan compaixón polo pouco conseguidos que están, estaban no século XXV pero as pantallas eran de fósforo verde (as máis avanzadas), os robots estaban interpretados por actores cubertos por un mono prateado ben axustadiño, as mulleres que pertencen a algún corpo militar van con escotados traxes ao máis puro estilo “Barbarella”. Unha auténtica delicia. Aiiii, esta corrente de gastar millóns e facer todo realista e dixital 3D… E a nosa imaxinación, que sitio lle queda?
Non podo deixar de citar tampouco esa rareza de serie que non durou moito na TVG pero da que eu, como bicho raro que era, gostaba moito, a inclasificable “Manimal“. Cando aqueles primeiros programas de “morphing” facían furor.
E agora, cando estou nos trinta, véxome no espello antes de cear, e si, meus, teño un aire a Buck Rogers, que agardo irá a máis cos anos.
Hei levarlle unha fotografía de Gil Gerard ao meu barbeiro para que me deixe ben peiteadiño o cabelo para acentuar o parecido. El tiña máis pelo ca min, pra que enganarnos.

