Mirando pra onte ao solpor
Estou nun deses momentos da vida de calquera ser con memoria onde as cousas parecen lembrar o pasado supostamente superado case a cotío. Xente que parecía ter tragado a terra aparece de súpeto na situación máis insospeitada, contas correntes que pensabas canceladas había anos que reclaman as súas comisións de mantemento, vellas mini-doenzas que agroman con forza no inicio do outono, afectos sepultados baixo unha grosa capa de esquecemento da que descubres que podía ser grosa mais non impermeable…
O pasado volta tamén nun tema recurrente nesta folla parroquial, as miserias e mesquiñanzas do camiño de ferro na Galiza, por abondar no tema, un reporteiro do xornal fixo os traxectos a Madrid e Barcelona en tren e foi quen de comprobar que un viaxe de 25 anos atrás no tempo é posible nestas máquinas de Renfe, sufrindo, iso si.
Nestes momentos é cando a miña nai aproveitaría para dicir: “Espabila home, levas vintecinco anos mirando pra onte.” A min.
E ao camiño de ferro, tamén.
comentarios
2 Comentarios to “Mirando pra onte ao solpor”
Deixa un comentario


…Coma as burbulliñas asomando espesamente á superficie da cremosa sopa fervente posta sobre o lume: lentamente e dende moi abaixo.
Sorpréndenos tamén a temperatura do líquido cando, abandoando de súpeto a súa preguiza, rompen e chegan a salpicarnos veloces e ferintes, vomitando perfidia.
Ó maldecir xa non queda a quen, porque desapareceron para no seu lugar estalar outras cuxas linguas densas cubren de novo a nosa castigada pel. Branco, verde, amarelo arcatrán, enganoso tempo, expectativa violada.
¿Quen quere adentrar logo a vista na pota? Pero ela segue a ronronear mansamente, cuspíndonos e prometendo dano ningún. E haberá que arriscarse se queremos gozar logo do contido, sentar á mesa coa comida feita e lamer coma anticipo da nosa vitoria queimaduras que saben a espárrago ou champiñón.
Cada día comezamos a cociñar unha nova e cremosa sopa. Hoxe toca retirar aquela que comezamos a facer hai tanto… Mesturamos daquela os ingredientes nerviosamente (ou pode que cunha ridícula decisión) e sen tanto coñecemento coma agora, mais aínda hoxe distamos de atopa-la nosa mellor receita.
¿Por que será que, aínda que nos saia algo salgada ou picante de máis, sempre a damos comido?
E sae salga ou picante de máis a cotío…