Feels good to be a gangsta
Hoxe a mañá, deume por practicar o san exercicio de ver de novo “Office Space“, traducido por estes lares como “Trabajo basura” (de onde supoño tomou o seu nome a interesante web que hai que revisar sempre antes de entrar nunha empresa do sector tecnolóxico). Con este filme pásame como co porco, aproveito todo, a banda sonora, o traballo dos actores, os estereotipos empresariais, a rapaza, etc.
Despois de ver escenas memorables, como na que Peter entra na súa empresa mentres soa de fondo a canción “Damn, it feels good to be a gansta” dos Ghetto Boys, ou na que os tres protagonistas lle dan o seu merecido a unha impresora mentres escoitamos “Die mutha fucka die” dos mesmos intérpretes, empecei a preguntarme que tería sido dos actores desa peli, a verdade é que, agás a Jennifer Aniston que todos coñecemos, non me soa de telos visto en serie ou filme ningún.
Andaba eu ao mediodía tentando facer memoria, comendo e vendo a tele (demasiadas cousas a un tempo, seino) cando aparece en La Sexta un anuncio de “Standoff” (Los negociadores), unha serie que será estreada en breve pola canle de Emilio Aragón, e que conta como protagonista co actor que da vida a Peter Gibbons na nosa película de cabeceira: Ron Livingston.
A película da que falo mostra con grande humor moitos dos estereotipos humanos e situacións que podemos atopar en calquera traballo hoxendía. Por exemplo, o xefe explotador, estúpido e incompetente; o directivo burócrata que está fóra da realidade da empresa; os asesores externos tocapelotas con ideas revolucionarias; os empregados inútiles que só siguen na empresa porque non teñen collós de despedilos; os putos cotillas; os mega-currantes e por suposto, os ascensos por razóns disparatadas. Todo iso cuberto por unha desabafante capa de fracaso persoal xeneralizado, recoñecido ou non.
Pero ademais de presentar este panorama tan desesperante (e real, diría eu), tenta convencernos de que cando as cousas non se poden poñer peor, poñeranse peor aínda, pero despois de tocar fondo, empezarán a mellorar. Amósanos esa saída do fracaso persoal mediante unha ruptura radical, que, con moita sorte, sae ben.
Como dicía Michael Bolton (non o pallaso sen talento, só unha coincidencia) despois de que a impresora atascara por enésima vez o papel: “Ten sorte de que eu non leve un arma…”
Oda a unha urna galega
Se Anxo Quintana me apertase contra o seu corazón, suprimiríame a sua existencia mais forte? Disque todo Anxo é terríbel, pero non sei se neste caso será para tanto.
E non é que admiremos á carracha, por muito que serenamente desdeñe gobernarnos. Nen ao Papa Clemente, que ardorosamente desexa facelo, afogándonos en bicos e apertas.
Mentres os políticos non se poñen de acordo, a miña querida patria non ten goberno. E eu sen ler aínda o Plan Xeral de Oblómovka… e sen escribir a carta ao administrador da miña aldea… Mañá, mañá, cando atope un anaquiño de tempo e de papel.
A media verdade é beleza enteira ás veces; non precisas saber mais.
Pero que sopor se apodera de min. Diría que xa estou durmindo, soñando, viaxando cara a Oblómovka da miña infancia. Estarán as suas rúas por sempre en silencio? A miña alma quere ir para alá; poderá volver para dicir, polo menos, por que está desolada? E alá, na Oblómovka onírica, haberá urnas? Terán xa alcalde? Respeitarase a lista mais votada? (Mmm… e o que é mais importante: terán os mujiks dereito ao voto???)

