Wednesday, 20 de August do 2008

E pur si chove.

Son de Purrela

Un amigo da terra faloume dun programa da TVG, “Son de Estrelas” i eu achegueime polo sitio web da CRTVG e comprobei que tiñan á disposición de tódolos navegantes as gravacións dos programas emitidos.
Revisei uns cantos minutiños de varias emisións, e descubrín con ledicia que a miña capacidade de asombrarme e morrer coa vergoña non baixou nin un chisco. O programa en cuestión é unha “Parada dos monstruos” empezando pola súa presentadora, vestida con gran gusto polo curmán chosco do sombrereiro tolo de Lewis Carroll. Presentadora que non sabe falar en galego e que mellor faría adicándose as súas aparicións estatais mirando pra onte.
Despois temos de todo, o loira cachas, surfeiro e socorrista, a gorda con cara de carreteiro difícil de mirar, a do fuciño en S, o do tupé recén estreado, cambios de “look” todoacén, maquillaxes putiles, intros costumistas dos/as concursantes, comentarios penosos da presentadora, traduccións imposibles ao galego que provocan pura piedade dos guionistas e cantantes.
Ademais, os “cantantes” fano fatal, pero iso é o de menos, é a gracia deste tipo de enxendros televisivos. Se algún quería facerse artista, cando remate o programa serán conscientes de que calquera porta que tiveran entreaberta pechouse ó entrar nese festival do embromado estético e sonoro.
Como mostra, unha muller que integra o xurado comparou ó loiro surfeiro con Fernando Esteso vestido de branco agarrado a unha palmeira imitando a Julio Iglesias. Un símil moi propio.
Por se alguén non o advertira trátase dun concurso, no que os elementos concursantes representan cada un a unha comarca distinta de Galicia.
Unha imitación cutre dunha cutrada intelectual e estética, cando se trata de ir máis alá, non hai quen nos veña a plantar salgueiros.

Por unha presada de machacantes

En Terra das Sombras, C.S. Lewis pregúntalle a un seu colega algo así como: “non tens a sensación de estares malgastando a tua vida?”, o outro ergue a vista dos seus papeis e responde con tranquilidade: “naturalmente”.

Mesmo eu, meus queridos discípulos, por veces flaqueo na miña, nosa, fe oblomovita. Asáltanme pensamentos do estilo: “será unha perda de tempo pasar os seráns a apampar no xardín moulando unha empanada preparada por Agafia Matvéievna?”. É en momentos como este cando caio presa desa vertixen que nos leva a tomar conciencia da nosa feble posición no cosmos: un lene fulgor entre eons de escuridade. Que nos obriga a rebelarnos ante a nosa ínfima e efímera condición. Que nos impulsa a fazer algo perdurable, algo grande… a fazer algo, polo menos!

Como comprenderedes, estes son accesos que todo home sensato debe aprender a acougar e suprimir. Cadaquén ten as suas técnicas. Algúns traballan, outros seguen a liga de fútbol e a maioría, en fin, entrégase ao atordoamento do consumismo e a compra compulsiva. Eu, como sempre, estou coa maioria.

Asi que hoxe tirei o pó da levita, penteei as patillas, e fun a un dos multiples establecementos expendedores de tonto-felicidade que inzan a nosa metropolitiña. É un lugar mui feitiño onde uns mozos con chaleque verde e gafas de pasta nos venden a ilusión (que nós estamos ansiosos de mercar) de que a Cultura é un produto que se pode adquirir, por uns pouquiños de euros, en forma de libro ou DVD. De modo que, abríndome paso entre fieis leitores de “El País de las tentaciones” e salvando as turbamultas que se daban de golpes por adquirir discos de Laurent Garnier, fun enchendo a cesta coa miña ración de ocio disfrazado de cultureta.

O resultado da expedición foi o seguinte:

-Un DVD edición de coleccionista de “Sacrificio”, de Tarkovski (para porme á altura).
-Un DVD cun apaixoante caso da señorita Marple (para compensar).
-Os “Ensaios” de Montaigne (en tradución castelá, eu son así de iletrado).
-Un exemplar de “Contra la incontinencia urbana” de Bohigas (para cultivar algo a profesión e calar a mala conciencia).

Total, unha presada de machacantes. Enterrar un par de días os remorsos por malgastar unha vida, non tén prezo.