GSM must die
A última raiola de sol coábase polo medio das contras, de madeira envellecida artificialmente, entreabertas. Eu, espido na cama, só, enchoupado en suor, escoitaba o constante berro das ocas ao lonxe. Unha chamada de móbil dábame tregua e oportunidade de quedar a soas coa raiola, o silenzo de oca doente e unha noitiña de turismo rural.
Aire puro, silenzo, rebumbio mol do campo e sexo sen culpa. Naquel momento de suspensión da existencia, ou alomenos de soidade consciente, atacaron, sen agardar ó amencer, as preguntas estricnínicas de sempre, “¿Que fago eu aquí?”, “¿É isto o que quero?”, “¿E con quen quero?”, “¿Por que non armarán máis batifoula esas ocas?”, “¿Debería de me sentir mal?”
As ocas acababan de pór un ovo e tentaban escorrentar ás pitas que se achegaban a el; a terceira pregunta respóstase cunha negación, é todo o que sei e fun quen de arranxar dentro da miña cachola antes de notar unha presión morna e de tacto lene que me levou a tontería de vez co primeiro aloumiño.
Maldita cobertura GSM!!!!
comentarios
Deixa un comentario

