O cacharro finlandés
Como o prometido é débeda, porei aquí as miñas primeiras impresións despois de pasar mes e medio con un Nokia N73 como terminal móbil de uso habitual.

Nas páxinas de Nokia ou en calquera das múltiples ‘reviews’ que hai na rede pódense ver tódalas súas características técnicas mais eu quero simplemente dar conta das miñas impresións persoais.
É o primeiro móbil Nokia que emprego de xeito habitual, tivera un Ericsson, varios Siemens, un Alcatel e un Motorola. O primeiro que fixen despois de recibilo e poñerlle a tarxeta SIM foi probar a conectividade co PC, que é excelente, xa que ten Bluetooth, infrevermellos e trae na caixa o cabe USB.
Despois da primeira recarga da batería procedín a pasarlle o software á versión ‘Music Edition’, seguindo os sinxelos pasos dun tutorial que atopei nun foro adicado a estes temas. A verdade é que eu non atopei diferencias de estabilidade nin de velocidade entre a versión que traía de orixe e a da Music Edition. Esta cuestión, a velocidade de resposta dos menús e das aplicación é a que menos me gusta deste aparello, para o meu gusto tarda moito en arrincar as aplicacións, abrir a axenda ou iniciar unha chamada. Ó parecer é un mal ‘menor’ de tódolos móbiles que levan como sistema operativo Symbian OS.
Polo demais, a cámara, estupenda tanto para video como para fotos, o reproductor de MP3 impresionante, ten integrados dous altofalantes cos que podes escoitar a música en estéreo a un volume alto. De serie tamén trae o mans libres portátil que serve de auriculares para escoitar música. O navegador web sorprendeume gratamente, o lector de PDF moi interesante, a radio FM integrada un descubrimento que uso máis do que pensaba antes de tela.
O calendario no que gardar citas, tarefas pendentes, reunións, etc. está moi ben i é sincronizable con aplicacións no PC mediante a aplicación para o sistema operativo de Mocosoft, ou mediante OpenSync se usamos outro sistema operativo. Un tirón de orellas para Nokia por non facilitar software que funcione en Linux, Mac OSX, etc. Varias veces accedín ao terminal mediante OpenSync sobre OpenObex, non é todo o estable que se desexaría, pero alomenos si que se poden transferir arquivos e datos desde sistemas operativos libres.
En resume estou moi contento con este terminal e cando consiga facer unha sincronización sen ningún problema desde o SO que emprego agora, estarei plenamente satisfeito. Eu por agora non son dos que bota de menos a conectividade Wifi do N95…
comentarios
Un comentario to “O cacharro finlandés”
Deixa un comentario


[...] Publicado na categoría Intro Versións, Documentos canónicos | Trackback | del.icio.us |Enriba [...]