Esa mecánica melódica
Non a entendo. ¿Como se pode falar de “creación artística” para referirse á música popular que se fai hoxendía? O máis indignante desta denominación é que pode levar a confusión coas xenuinas “criacións” de Cañita Brava, que pasarían sen problemas o test que máis adiante neste post sinalamos.
Maiormente a música que podemos escoitar no “mainstream” cultural e mesmo nalgún “scene” alternativo é lixo integral. Pero neste post vou a centrarme nas letras das cancións, esas composicións de rimas hiper-desgastadas polo uso e sen ningunha novidade en anos. Vocabulario reducido, ripios de “todoacén”, pareados terroríficos, sementeira de palabras “clave” que poderían facer estoupar á mesma “Echelon“, etc.
O meu postulado a este respecto é que, se non o fan aínda, todas estas letras poderían ser armadas por calquera máquina automáticamente co software axeitado. Os selos discográficos libraríanse daquela de compositores e letristas, só necesitarían o monicreque de turno saído de O.T. para mover os beizos.
De feito aquí e agora propoño a creación dun test de “maquinalidade” chamado “Test de ECasLo”.
A entrada deste test é unha canción calquera (con letra intelixible nos idiomas soportados polo test), necesitarase a transcripción da letra e un arquivo de son coa canción interpretada.
A saída do test será unha cantidade numérica Im entre 0 e 100, con tres cifras decimais.
Defínese o índice de EcasLo IEcaslo como 100-Im.
Poderiamos dicir que este índice de Ecaslo define a calidade de creatividade “humana” ou non automática da letra da canción.
Valores próximos a 0 indican que a canción podería ter sido creada cun equipo dixital dado que tal equipo foi quen de predicir con grande exactitude o devir da tonada e valores próximos a cen indican que non sería sinxelo para un equipo automática crear dita secuencia.
Por suposto a dificultade deste test e polo tanto da obtención do índice IEcaslo sería a súa implementación, pero na páxina do post poderemos ver como é posible e desexable que esta sexa mediante unha máquina…
De feito, engadirei como comentario o que me dixo o meu amigo o informático arredor da viabilidade da implementación real do “test de ECasLo”.
Por suposto, agardo pasar á historia por este test, que coido podería deixar sen traballo a personaxes como Risto ou Edith Salazar (porque, ¿quen quere putear a un ordenador co seu aspecto afeminado ou afinarlle a gorxa a unha impresora de sublimación?)
P.P. Escoitando “Influencia” de Charly García…
comentarios
2 Comentarios to “Esa mecánica melódica”
Deixa un comentario


Boas, son Iliá e non puiden resistirme a escribir un comentario desde o navegador do meu novo Nokia N73. Unha boa maquina, si señor. Xa falarei algo del.
En liñas xerais o meu amigo comentoume que lle parecía viable cos medios hardware e artiluxios de software actualmente dispoñibles implementar o test de ECasLo.
Non entendín polo miúdo a explicación que me deu, pero para facernos unha idea tratariase dun hardware de PC actual, pero unha cousa corrente, nada “ercesivo” e un sistema experto que tivese en conta as frecuencias relativas dun bo número de palabras desas que tan abondosas son nas cancións das listas de éxitos e as normas que conforman a rima (consoante, asoante). Todo isto para cada lingua que se quixese considerar.
A aplicación collería a canción según se vai reproducindo e sabendo só a letra e música reproducida até un momento In (para simplificar faremos que cada In coincida coa fin dun “verso” ) prediciría o seguinte verso ata o instante In+1(fin de verso).
A tasa de acerto de cada unidade acadariase coa coincidencia de palabras, dando máis peso á/s palabra/s coa rima e menos aos nexos, por exemplo.
A tasa de acerto global para a canción sería a media desas cantidades, dando unha porcentaxe que sería o citado índice de saída.
Ben, foi unha primeira aproximación que fixemos sen pararnos moito a pensalo i eu tampouco é que o entendera perfectamente, pero ten pinta e que podería ser…