Wednesday, 20 de August do 2008

E pur si chove.

J’Accuse!

Disque se non se descubre pronto que un neno é superdotado e non se lle estimula axeitadamente, calquera vantaxe intelectual que este puidera ter na súa vida, esvaécese durante o crecemento ata quedar en nada e mesmo pode supoñerlle unha carga negativa no seu progreso escolar e social.
Eu penso que na miña máis precoz infancia fun un neno superdotado, o cal penso non é tan extraordinario como puidera parecer nunha primeira revisión, de feito creo que varios dos amigos que coñezo desde neno e outros máis recentes estiveron nun caso parecido cando eran pequenos.
E si, non fun estimulado axeitadamente, o cal creo que me levou a unha certa inoperancia a determinados niveis intelectuais e a unha capacidade diminuída para entender este medio social tan complicado no que estamos inmersos. En efecto, no meu caso, penso que a miña capacidade intelectual pasou de estar claramente por enriba da media a estar por debaixo na actualidade. É certo que a miña formación académica é un pouco superior á da maioría, e iso disimula moito…

Porque de verdade penso que o longo tempo que me leva comprender certos aspectos da convivencia comunitaria das persoas (sexa parella, familia, amigos, veciños, cidadáns, etc.) non só depende de todo iso da miña experiencia afectiva nos primeiros anos de vida, senon tamén do meu correcto desenvolvemento intelectual.
Pero ese neno espabilado como a rapiña, que as collía todas á primeira, que lembraba todo en milésimas de segundo; ese neno, sospeito que aínda o teño gardado por algún sitio, de cando en vez, cando vou andando pola rúa, agardo na cola dun banco, estou nun pub pedindo unha copa ou calquera outra situación na que non teño nada a man co que deixar constancia do evento, sae, dun lugar indeterminado do meu cerebro e durante uns segundos como moito dame unha ou un par de ideas boas, creativas, interesantes, auténticas e sinto que me di: “Veña, agora tócache a ti, dalles xeito.”
E penso que, polo momento, nunca estiven á súa altura.

Mais este post é longo, querido neno que un día fun, i é hora de concluir.
Eu acuso!

Fenil… Alanina, Cojones ya!

Lembro que hai xa uns anos, estaba eu cuns amigos nun lugar no contorno da miña Oblomovka particular. En agosto era en agosto cando xa en Oblomovka non fai calor (e menos pola noite), pero despois dunha boa cea a base de churrasco, pementiños de Padrón e empanada, dunhas boas doses de kvass chairego, vodka (e mesmo ron de importación de alén do Atlántico) e diante das brasas do lume, non hai friaxe que lle quite a un as ganas de falar. O certo é que estabamos de bo humor e realmente inspirados, e así, cando unha amiga sacou o seu paquetiño de chicles sen azucre, rapidamente collinllo e púxenme a recitar para diversión xeral os ingredientes que refería o envoltorio. A maioría dos ingredientes (sorbitol, goma base, etc.) foron discretamente ovacionados entre sorbo o sorbo de máis líquido de inspirar enxeños. Mais o colofón deunos para un bo rato de risas e desenvolvemento humorístico. Iste dicía: “Contiene una fuente de fenilalanina
O resto da noite eu estiven facendo como Fernando Arrabal, nesta unha das súas actuación estelares nos medios de comunicación:

Como poderedes imaxinar, e como no clásico que no seu día gravou A Roda, si que vos era un andar miudiño, miudiño, miudiño o que levabamos dous dos meus amigos e máis eu.

Aninovo no tobo

Eu, Iliá Ilich, nacín de familia rica, e aínda que pra nada necesito que este blogue reciba miles de visitantes diarios que me enchan as artesas de ouro, si que me relaxa e aleda, ver nas corredoiras da miña O-Blog-movka unha morea de dilixentes mujiks bulindo, traballando, respirando e vivindo. Como vexo un pouco morto o pobo estou matinando en empezar a traer por estes lares o que da resultado nos pobos veciños para atraer mujiks traballadores, artistas e demais que me fagan a vista máis placenteira. Non é unha fórmula moi definida, mais hai cousas que nunca fallan: cus, tetas, confidenciais, casinos online, saudades da infancia, etc.
Din que se escribes cousas interesantes e cun estilo elegante tamén funciona, pero non está demostrado. O outro que puxen si que non ten perda.

Polo tanto non vos sorprendades dun xiro comercial do blogue e de entrar un día e atoparvos un cambio visual impactante. Ameazados estades.

En canto ás reflexións de comenzo de ano, eu sigo nas mesmas, en certos aspectos, os mesmos castelos no aire de sempre. O cartón de conducir, a esgrima con sable, o jiujitsu, os mareos da agulla, dominar o mundo (ups, xa estou pensando por escrito de novo)…
Como dicía un coñecido meu, Mitia Karamazov:
“[...] ¡Bah! Bebe e non penses en nada. Amo a vida, e ameina moito, deica a fartura. Bebamos pola vida, querido… ¿Como podo estar contento? Eu son vil, a miña vileza atorméntame, e, aínda así, estou ledo. Bendigo a creación, estou pronto a bendicir a Deus e ás suas obras, mais… teño que destruir en min un mal insecto que ataca ás vidas alleas.¡Bebamos pola vida, irmán! ¿Hai algo máis fermoso? Bebamos tamén pola raíña das raíñas.”

O funcionario Piotr Ilitch respostoulle o que eu debería ter dito no post “Agulla de marear“: “Ben. Bebamos logo pola vida e pola túa raíña.”

P.D. Por certo, desde que vou a ximnasio (un dos vindeiros posts será arredor da fauna dese biotopo) e a clase de baile, ó ver cousas coma esta, dame ganas de intentalo…

P.P.P. E finalmente, desexo que pasedes un feliz, relaxado, vagaroso 2007. Kvass, vodka e té pra todos!!! Corre da miña conta.