Wednesday, 20 de August do 2008

E pur si chove.

A delgada capa de xeo

Teño un amigo economista que predixo que o capitalismo colapsaría en 1999 e que o mundo acabaría tal e como o coñecemos. Pode parecer exótico, pero eran outros tempos. De feito, en Decembro daquel mesmo ano, un amigo informático augurou inmensas catástrofes por causa do efeito 2000. Ambos son persoas sensatas e intelixentes, cuxo criterio respeito, pero parece que, no terreo catastrofista, erraron.

O temor a un cataclismo que nos varra da Terra acompaña o noso imaxinario desde antergo. Supoño que aos europeus descendentes dos superviventes da Peste Negra nos quedou o medo no corpo.

Pero, mentres diriximos a nosa paranoia cara obxectivos equivocados, como un meteorito que extinga a especie ou unha gripe asiática que comece por exterminar a Coren para despois aniquilar a humanidade, o verdadeiro perigo asexa.

Deixade de escrutar o ceu ou o xornal buscando sinais dunha próxima catástrofe. O mundo, de certo, está para acabar e o desenlace non vai ser mui grato. Pero non será súpeto e fulminante, pois os xinetes da apocalipse han vir a trote. E é que o final que se aveciña, amigos, chegará a modo. Na realidade, xá está aqui. Examinemos un par de exemplos:

1º exemplo

Unha miña amiga. Arquitecto. 34 anos. Tén dous traballos. Polas mañás nun concello perto de Barcelona. Polas tardes nun despacho noutra vila, tamén nos arredores. Vive alugada nun piso vello do centro bastante destartalado (non tén auga quente en todas as pezas do cuarto de baño, un tabique derrubado por ruinoso hai meses que espera a ser reconstruido cando o caseiro teña a ben). Decidiu pór fin á situación e, avalada polos pais, acaba de meterse na hipoteca. A propiedade: un apartamento de 20 metros cadrados (existen, e son legais por seren anteriores á actual lexislación sobre habitabilidade). Para comprar semellante xoia fixo unha hipoteca a 40 anos.

Hai alguns anos sería dificil de crer que unha persoa con dous traballos cualificados tivese que traballar ao servizo dun banco por 40 anos, a cambio de 20m² habitabeis. E iso porque nesas condicións significa traballar arreo, non por un plus de luxos, senón pola supervivencia. Se nesa situación está un traballador altamente cualificado, como vivirá quen están nunha situación mais feble?

A resposta está no segundo exemplo:

Mércores, 27 de Setembro de 2006. Manifestación de viúvas na praça de Sant Jaume, en Barcelona. Maria Cinta Castanyé (cobra 300 euros ao mes) declara a un xornal: “Desde que son viúva tenho que mirar muito a comida e a roupa que compro. Agora como muito arroz”.

Na Física, equilibrio precario é aquel no que, unha vez perdida a posición de equilibrio non se recupera espontaneamente. É o caso de dona Cinta. A morte do home levouna a unha situación de precariedade posibelmente descoñecida antes para ela.

E é que baixo esa fina pátina de riqueza en forma de móbiles e centros comerciais de luces rechamantes que inzan as nosas cidades, unha delgada, fráxil capa de xeo é o que nos sustenta e separa da pobreza.

Examinade cal é a vosa situación. Quizá tamén vós estades en equilibrio precario. Poda que un só acontecimento (un despido, unha inesperada suba dos tipos de interés) sexa suficiente para a delgada capa de xelo romper baixo os vosos pés -ou os dun amigo, un familiar- e que vos vexades comendo muito arroz, e non porque gostedes da paella.

Este é o meu agoiro: non acabaremos nun mundo desfeito e desmembrado por un cataclismo repentino, estilo Mad Max. Simplemente, pouco e pouco, cada vez nos empobreceremos mais. Cada vez traballaremos mais e só para sobrevivir. Comezaremos por compartir apartamento entre varias familias. Despois, os fillos non poderán ir á Universidade e a non tardar terán que porse a traballar aos doce anos para axudar na casa. E así retrocederemos un par de séculos nunha xeración, case sen nos decatar. Adeus, sanidade universal e gratuita! Adeus, esperanza de vida de 90 anos! Benvido, Antigo Réxime, mortalidade infantil elevada, sarampelo e escorbuto!

Iso si, todos con móbil de última xeración e ADSL 24 horas (chamadas a fixos incluidas)

comentarios

2 Comentarios to “A delgada capa de xeo”

  1. AntíTheosis on 25 Novembro 2006

    Unha verdadeira mágoa que o futuro non nos depare un MadMax no canto do teu agoiro, co cal coincido.
    A serie de pelis de MadMax sempre me deron unha sensación de perigo e liberdade.
    No futuro que nos tememos hai perigo (doutro tipo) e falta de liberdade.
    Xa pensara o que contas mías veces pero é inquedante que haxa máis xente que se dea conta…
    P.C. Excelente post. Parabéns
    P.P.C. Con perdón, cacho pailán o teu amigo informático, como todos eles, ó fina o efeito 2000 foi un bluf.

  2. Filiber on 25 Novembro 2006

    “A thin ice layer” en letras estranxeiras…

Deixa un comentario