Nin ti es Yip Man nin eu son Lee
Iso ben mo podía dicir a miña profesora de baile esta semana. Co gallo de variar un pouco bailamos Cha-cha-cha na clase, no canto do que adoitamos facer sempre, salsa, merengue e bachata.
A verdade é que me resultou máis doado este baile de orixe cubana que a salsa por exemplo. De feito esta semana ata daba a impresión de que eu estaba a bailar, ademais de simplemente marcar o paso. Por iso, supoño que a Yip Man non lle custaría moito esforzo aprendelo nas clases que recibía de Bruce Lee a cambio de ensinarlle Wing Chun.
No meu caso non lle ensino Wing Chun á profesora por 39 razóns, a primeira é porque non teño nin idea do citado estilo de artes marciais. As demais sobran.
Por outra banda conseguín os capítulos de “Prison Break” ata o décimo da segunda tempada e, por unha vez, vinos todos. Gústame bastante esa serie. Ten acción, intriga, dor de barriga. Xusto ó escribir isto empezo a caer na conta de que House xa hai bastantes semanas que me aburre, sen dúbida a serie dos escapistas penitenciarios ten infinitamente máis variedade e un catálogo maior de personaxes ben matizados. Outra vantaxe dos capítulos que vin ademais do puro entretemento é que están en V.O. con subtítulos separados en español, co cal practico inglés, podo velos sen subtítulos e logo se algo non entendo poñerllos e repasar.
A ver se aprobo o FCE á primeira… Como diría o señor Schofield (nome de profesor de inglés de instituto, por certo cun l adicional): “Good luck and take care…”
P.P. É impresión só miña ou o actor Wentworth Miller ten a expresividade facial de Bruce Willis máis ou menos????
comentarios
Un comentario to “Nin ti es Yip Man nin eu son Lee”
Deixa un comentario


Se Wentworth Miller é inexpresivo, a incontinencia xestual do actor que fai de Tweener é esaxerada.