Mes de Santos
Xa sei que alguén tentará etiquetarme como “geek” ó ler este post, pero iso tenme sen coidado.
Hoxe é Día de Tódolos Santos, unha celebración, como moitas outras ó longo do ano, asimiladas e retocadas pola cristiandade ante a incapacidade para suprimila nos primeiros séculos de monopolio relixioso.
A min sempre me deu un pouco de noxo a reintroducción do Halloween anglosaxón, toda vez que na Galiza sempre se mantivo o rito funerario celta orixinal, do que se derivou esta festa de antroido urbana que é o Halloween actual. É certo que varios dos elementos da celebración do Samhain se perderon e outros, como os nabos ou cabazas baleiras con candeas dentro non se conservou en toda Galiza. Pero o rito que si se conservou e que se celebra tamén nestes primeiros días do mes de novembro é o magosto , unha reunión rural que aínda que algún non o crea, é un rito funerario derivado do Samhain, que se leva a cabo no mesmo tipo de templo que empregaban os celtas, ó aire libre, nun claro da fraga ou da carballeira.
Nestes días, como é natural, hai moitas webs que falan disto como esta, ou esta. Eu vou a tentar conseguir o libro de Rafael López Loureiro, “Samaín, a festa das caliveras” para documentarme un pouquiño máis, que se houbera comentarios no meu blogue, de certo iso mesmo me dirían.
Onte voltei a ver “Blade Runner” por enésima vez, é unha peli da que gosto moitísimo, tanto polo aspecto visual como pola historia que conta (e pola que deixa entrever). Dise que o monólogo final do replicante antes de finalizar a súa existencia foi creado polo propio Rutger Hauer.
Nestes días que, segundo a tradición celta, se abre unha porta entre o mundo dos mortos e dos vivos, pechada o resto do ano, reproduzo a reflexión de Roy arredor do valor da vida:
“Vin cousas que vós non creeriades…
Atacar a naves ardendo máis aló de Orión.
Contemplei raios C escintilar na escuridade preto da porta de Tanhauser.
Todos eses momentos perderanse no tempo… como bágoas na choiva. É hora de morrer.”
En inglés no orixinal:
“I’ve seen things you people wouldn’t believe…
Attack Ships on fire off the shores of Orion.
I’ve watched C-beams glitter in the dark off of Tanhauser Gate.
All those moments will be lost in time…like tears, in rain. Time to die.”
Sempre pensando nos putos horarios…
P.P. En xeral non gosto muito de todo o relacionado coa Sci-Fi….
comentarios
Deixa un comentario

