Marrón escuro, case negro
Dentro dun par de semanas cumprirei un ano no meu lugar de traballo. É un bon momento para facer balance.
As actividades propias de calquer traballo son: (1) escaqueo, (2) rutina, (3) encargo chungo, (4) marrón e (5) marrón-que-te-cagas. Normalmente, a cousa debería estar entre o 1 e o 2. De cando en vez, porén, todo o mundo ten que solucionar un encargo chungo. E, se todo vai ben, só estrañamente deberíamos ter que enfrontarnos cun marrón.
Un marrón é a clase de traballo que todos tratan de evitar. Podes recoñecelo en que mentres avanza polo corredor (na forma, por exemplo, da miña xefa berrando “deixade o que esteades a facer e poñedevos inmediatamente con isto!”) a xente máis avezada vaise apartando do seu camiño. Ergues a vista e podes ver como un agocha a cabeza, outra fai como que marcha para levar papeis a outro departamento, algún agóchase baixo a mesa e mesmo hai quen se bota pola xanela. Ao final, o corredor acábase e a xefa pousa na tua mesa un enorme marrón quentiño, visgoso e fedorento.
Cando eu cheguei ao meu actual traballo, hai case un ano, o primeiro que tiven que facer foi un encargo chungo (coeficiente 3). En calquer comunidade humana (desde unha peña futbolística ata unha oficina) a merda reparte-se en proporción inversa ao grado xerárquico e naquel momento eu era o novato. Só existia unha forma de vida inferior á miña: o becario. E o becario xa comía bastante merda. Prometéronme que aquel encargo chungo era circunstancial, que se había solucionar nun mes, como máximo. Pasaron os meses, o asunto medraba e medraba ata converterse nunha cousa chunguísima, despois nun marrón e, agora, está a coller unha cor tan escura, case negra, que xa entro cada mañá na oficina con medo a que un cagallón king size estea agardando por min para levarme ao hades de onde non se regresa. O peor é que este encargo non é unha excepción. A cor normal do traballo na miña oficina é o marrón escuro.
Os clubes de fútbol, as multinacionais, as comunidades de veciños e as oficinas, igual que as persoas, teñen un carácter, unha forma de ser. E a do sitio no que traballo consiste en dedicar moito tempo a cousas insignificantes ata que as cousas importantes tornan desesperadamente urxentes. O resultado é estrés, xornadas interminábeis, horas extras impagadas e, aínda así, un retraso vergoñento nos obxectivos.
Cando eu era estudante, pensaba que o traballo sería unha ocasión para desenvolver a creatividade. Agora, cada día, só espero acabar a xornada sen que o marrón malvado me devore.
Pero xa estou cheo. Se en dez anos a cousa non cambia, cambio eu de traballo! É un ultimátum.
comentarios
3 Comentarios to “Marrón escuro, case negro”
Deixa un comentario


Animo! Eu deixei de ser becaria hai unhas semanas, así que entendo ben o que queres dicir
Xa verás como ó final as cousas mellorarán, e seguro que moi cedo. Só hai que esperar a que entre outro novato!
Ata entón, moitos ánimos. Unha aperta
Pois anda con ollo, eu son estudante de Mediciña, e cando cagas moi escuro, pode ser indicativo de hemorraxia no tracto dixestivo.
Iso quere dicir que se perseveras moito no teu traballo xerador de detritus marrón escuro, poderías rematar coas veas baleiras.
Como dicía o non sempre valorado dabondo Pedro Ruiz: “Si tuviera 40 años menos, tendría los huesos más llenos…”
Moitas gracias, Mar e Lúa, polos teus ánimos. Tentarei seguir aguantando o tirón mentres espero que chegue “carne fresca”.
Aproveito a túa amábel intervención neste fío para recomendar aos leitores unha película que trata maxistralmente este e outros problemas típicos dese universo apaixoante que é o mundo laboral: “Office space” (coñecida en España como “Trabajo basura”), que, sem mais dilación pasa a ampliar a nosa lista de “Documentos canónicos”. Engado ligazón na columna dereita.