Ferruxe 2
A última vez que fixen o traxecto Lugo - A Coruña nun tren rexional xa estaba finalizando a miña estancia estival na miña Oblomovka particular.
E fun testemuña e víctima dunha incidencia paradigmática no funcionamento do ferrocarril en Galicia.
O rexional este que collín eu sae desde Monforte de Lemos e ata que chega a Lugo ten dúas paradas. Pois ben, chegou a Lugo con 40 minutos de retraso, por suposto sen ningún tipo de explicación por parte do persoal de Adif ou Renfe.
Para empeorar a situación, despois de chegar, tivemos que agardar durante 25 minutos a que chegara á estación de Lugo o “falso Talgo” que vai desde A Coruña a Barcelona (vantaxes de ter vía única).
Este “Talgo-fraude” á súa vez traía un retraso duns 25 minutos e lembremos que só levaba feito o tramo A Coruña - Lugo, no cal debe facer só 3 ou 4 paradas. Non quero imaxinar o retraso que acumularía ó chegar a Barcelona. Ben, ó mellor recuperaba o tempo perdido correndo máis no seu paso pola meseta, sobre todo nos cambios de vía.
O resultado final foi que cheguei á Coruña con case unha hora de retraso (case o 50% do tempo total de viaxe) e non foi máis porque foi lixeiramente máis rápido do habitual e porque non fixo falta facer nin unha soa das paradas facultativas. Os sofridos usuarios xa cansaran de agardar polo “ferrobús“.
Alomenos o director de Renfe recoñece en público que o servizo en Galicia é deficiente, e que hai pendentes de renovación unha morea de locomotoras e vagóns. Pero tamén recoñece que ata que se electrifiquen as vías galegas (que ninguén ten moi claro cando será) non vai a haber moita renovación.
E o servizo do “ferrobús” seguirá a ser lento e pouco útil, e o seu uso, marxinal. Como o resto dos servizos que parten desde e chegan ata estacións ferroviarias galegas…
Porque en Galicia non hai trens rexionais, nin “cercanías”, hai o “ferrobús”, o “ferrobús” que coñeceron os nosos avós.
O que en todo o mundo está nos museos, nós témolo nas vías, vivo, ruxindo e queimando gasóleo.
Por moitos anos.
comentarios
Un comentario to “Ferruxe 2”
Deixa un comentario


[...] Como veredes por algún dos meus primeiros posts, fun quen de vivir en primeira persoa o lamentable estado do camiño de ferro no traxecto Lugo-A Coruña. A liña A Coruña - Santiago - Vigo xa a empregara hai tempo i é das menos malas. Nesta Semana Santa, que pasei por estas nosas terras, tiven ocasión de coñecer o tramo A Coruña - Ferrol a a maioría do trazado do FEVE en Galicia. O tramo Coruña - Ferrol está na liña dos peores trens de Europa, como a liña Coruña - Monforte. Este rexional tarda 1 hora e 20 minutos en cubrir a distancia que separa as dúas cidades cando pola estrada pode chegarse en menos de media hora. Os horarios son igualmente lamentables así como os vagóns autopropulsados que fan o servizo. [...]