Por unha manchea de cópecs
Hai pouco faláronme de varias webs que che permitían crear deseños de camisetas, viseiras e outros textís e complementos, subilos e crear unha “tenda” de xeito totalmente gratuito. Se alguén merca algunha das camisetas que tes na túa tenda pois danche unha esmola, uns cópecs para que tomes un té ben quentiño, que no outono e inverno chairego boa falta que fai.
Despois de mirar dúas ou tres decidinme por facer a proba e “abrir” unha tenda en spreadshirt, porque está en Europa e os envíos con moito máis rápidos e fiables. Neste mesmo momento non teño aínda ningún deseño pois estou afacéndome ó seu deseñador e a como subir os arquivos vectoriais para a impresión de “trazado”. Piden arquivos EPS (Postscript encapsulado) onde todo sexa vectorial, incluido por suposto o texto. Xa teño varias ideas que en breve estarán dispoñibles principalmente para que as vexa quen quera e se lle apetece, pois que a merque. Os gastos de envío normais son bastante baixos, creo que uns 3,50 euros. Eu estou agardando a que me chegue unha camiseta que deseñei para min sobre a marcha, antes de crear a tenda, e xa comentarei no blogue a calidade da mesma.
A ligazón á tenda ademais de estar no lateral dereito, é esta.
Agulla de marear
Supoño que os abondosos lectores cotiáns deste blogue xa se preguntarían como estando nas datas que estamos non escribo nada arredor do San Froilán, para máis que desde non hai moito é considerada Festa de Interese Turístico Nacional. Festa que de novo este ano, seguirei na lonxanía (a uns 1000 qm.), por referencias dos correspondentes alí desprazados. Pois ben, a ese anónimo visitante de Arabia Saudita e ós que o siguen mediante lectores ou agregadores RSS direilles que por suposto escribirei algo arredor da festa patronal de Lugo.
Máis concretamente usarei un día senlleiro das festas, o “Domingo das Mozas” para iniciar a regueifa. Ler máis
Marrón escuro, case negro
Dentro dun par de semanas cumprirei un ano no meu lugar de traballo. É un bon momento para facer balance.
As actividades propias de calquer traballo son: (1) escaqueo, (2) rutina, (3) encargo chungo, (4) marrón e (5) marrón-que-te-cagas. Normalmente, a cousa debería estar entre o 1 e o 2. De cando en vez, porén, todo o mundo ten que solucionar un encargo chungo. E, se todo vai ben, só estrañamente deberíamos ter que enfrontarnos cun marrón.
Tojeiro moito mellor!!!
Un clásico eterno. Hai que deixarse levar pola arte deste mestre da declamación. Aposto que cando viu este video, unha antiga profesora miña de literatura no instituto, deuse de baixa no clube de fans de Paco Valladares para poder ingresar no de Pepe Tojeiro (Si, é incompatible a pertenza a un e ó outro)
Por suposto, no caso de hecatombe planetaria, o señor Tojeiro, protagonista deste vídeo, sería indiscutible merecedor de ocupar unha das limitadísimas prazas do vehículo que conducise ó mellor da humanidade a perdurar noutro planeta habitable.
Ferruxe 2
A última vez que fixen o traxecto Lugo - A Coruña nun tren rexional xa estaba finalizando a miña estancia estival na miña Oblomovka particular.
E fun testemuña e víctima dunha incidencia paradigmática no funcionamento do ferrocarril en Galicia.

