Bición (II): O caso Lugo
Para falar de algo que me atinxe como chairego e como asinador de plans e planos, no PXOM de Lugo hai alomenos dous casos significativos:
- O das costas do parque Rosalía de Castro.
- O do barrio de Albeiros.
Nos dous casos proponse a construcción de bloques de vivendas de altura considerable, nun dos casos sobre unha área verde non urbanizada aínda e no outro substituíndo as vivendas unifamiliares en entorno semirural que conformaron o barrio de Albeiros desde que eu e os meus pais lembramos.
Aparte das consideracións estéticas (porque, sexamos realistas, os constructores de Lugo non adoitan permitir moitos alardes nin contratar a Norman Foster, total, para construir un fondo de inversión i especulación inmobiliaria), hemos de ter en conta a irreversibilidade desa construcción. Voltar ó entorno ó seu estado orixinal sería case imposible, primeiro polo costoso da obra e segundo pola morea de perxudicados que habería.
E, na miña opinión, ante esta irreversibilidade hai que ser moi prudente , cando exista unha dúbida razoable arredor do axeitado da súa execución, optar polo camiño conservador, non autorizalo, pois tempo a poñer hormigón e ladrillos sempre haberá.
Pero como dicía noutro post anterior,a ambición, do tipo que sexa, mesmo a de deixar pegada indeleble no entorno da túa cidade, ou a de contribuir a un desenvolvemento urbanístico dubidosamente beneficioso, fai que a prudencia e o bo tino se esvaezan fronte ó contundente argumento dos números: de cartos, de empregos, de censo…
En canto ó emprego, cando rematemos de construir o derradeiro metro cadrado, ¿onde poderemos meter a tódolos traballadores da construcción? Desde asinadores de planos ata peóns. Por suposto que non é un negocio sostible. E por aquí, moitos tenden a que sexa case o único negocio que exista e sexa rendible, o cal, é absolutamente descorazoador dada a súa “non-renovabilidade” e limitación física. E todo isto coa complacencia das administracións locais en primeiro lugar, e das autonómicas e estatais en segundo termo que ven como sementadores de prosperidade ós constructores que mercan chan e logo contratan persoal para transformalo en repouso de inversións. Algo tan efímero non pode ser cualificado de prosperidade e na maioría dos casos non pode falarse de que as construccións aporten valor engadido algún ó seu entorno e ós seus habitantes máis aló do feito de ocupar espazo físico e ter unha valoración monetaria.
Pero imaxino dentro duns cantos anos, cando as zonas das que falamos estean ocupadas por grandes bloques de vivendas, nunha visita de irmanamento do alcalde de calquera concello do mundo a Lugo, o alcalde Orozco (si, seguirá de alcalde no máis puro estilo Paco Vázquez) acompañarao ó mirador do parque e, fachendoso, diralle mediante o intérprete: “Todo isto, esta monumental obra da vivenda moderna, esta fonte de progreso para a cidade, non existía antes de chegar eu ó Concello.” O alcalde do concello irmán asentirá brevemente, comprobará que a pesar de ser as 7,30 da tarde dun día de xullo o sol xa se puxo tralo último piso da mole, e preguntará mediante o intérprete: “¿E que hai detras disto?”
Orozco replicará: “O río Miño.” Un pedáneo do concello irmán apurará a levar ó seu alcalde unha guía amosándolle unha foto do Miño en todo o seu esplendor visual. O alcalde irmán mirará a foto con incredulidade, logo mirará a faciana sorrinte de Orozco e por ultimo fixará a súa atención de novo no último piso da moderna construcción, xusto antes de dicir, con aire pensativo e nunha voz perfectamente intelixible aínda que baixa como para si mesmo, unha frase que o intérprete non ten necesidade de traducir: “Shame on you, Mr. Orozco, shame on you!”
comentarios
Deixa un comentario

