Friday, 05 de December do 2008

E pur si chove.

O camiño enferruxado

A nova de hoxe que nos fala da morte do rapaz ourensán ferido de gravidade no accidente ferroviario de Villada faime pensar de novo en que a antigüidade e cochambre que exhiben a maioría dos convois que circulan polas vías galegas non provoca só retrasos, incomodidades, falta de hixiene e precariedade no transporte. Ten consecuencias moito máis graves.

O sinxelo nestes casos é limitarse a aceptar o formalismo de que o sistema de balizas pitou e o maquinista recoñeceu recibir o aviso pulsando o botón, deducindo diso que o responsable é o maquinista. O maquinista á cadea e listo. Pois non, meus amigos, o sistema de sinais será do ano da polca de Cro-Magnon, pero a locomotora e os vagóns son anteriores ó Australopithecus i está claro que iso non axuda á seguridade do convoi nin facilita o traballo do maquinista.

Concordo co que se di neste post arredor dos perigos do camiño de ferro, achacar só a un fallo humano este tipo de accidentes graves é asegurar que se van a repetir. Porque ó facer iso, esquécense os outros factores, menos impredecibles que o despiste humano, como son os axeitados (e actuais ) sistemas de seguridade, comunicación e sinalización; vías e cambios de agullas en bo estado que garanticen unha circulación á velocidade nominal en condicións de seguridade; locomotoras e vagóns modernos, correctamente mantidos, limpos; locomotoras axeitadas ós vagóns que transportan, e non como no caso quinto mundista do Talgo. Por non falar da electrificación das liñas, claro, que segundo Renfe irá aparellada a unha “renovación” dos aparatos que por elas circulan. Temos o dubidoso privilexio de equipararnos ás zonas máis atrasadas de Turquía en non ter liñas ferroviarias electrificadas. Todo sexa pola integración, pola integración á baixa, claro.

Eu non son quen de dar leccións sobre o ferrocarril, pero parece que os que entenden tamén opinan que este medio de transporte (que é moito máis eficiente e ecolóxico que o transporte por carretera ou o transporte aéreo) está concebido en Galicia igual que hai 40 anos, o cal o convirte en algo completamente inútil hoxe en día. De feito calquera que se suba nun servicio rexional que non sexa o do eixo A Coruña-Santiago-Vigo darase conta de que está nun tren que da un servizo testimonial, non rendible, financiado pola Xunta para que non desapareza, ofrecido con desgana por Renfe e que só emprega a xente que ten moito tempo libre porque os retrasos son de xulgado de garda. Evidentemente o servizo non é rendible porque carece de toda utilidade, polo tanto a xente emprega calquera outro medio de transporte.

Noutro post contarei a miña última experiencia co camiño de ferro en Galiza, como non tiña presa ese día, simplemente pareceume ilustrativa e cabreante…

Pero a todo isto, como a culpa será atribuída ó erro humano do maquinista, será máis sinxelo xustificar a non renovación as locomotoras, os convois e as infraestructuras, como o propio Ministerio de Fomento estatal recoñece e seguirá habendo a mesma probabilidade de accidentes graves. Na miña opinión, demasiado alta

comentarios

Deixa un comentario