Friday, 05 de December do 2008

E pur si chove.

As Grandes Series

Nunca fun seguidor do beisbol, de feito aínda non teño moi claro como se xoga, parece divertido. O que hai que recoñecerlle ós promotores dese deporte sobre todo nos EE.UU. de América do Norte é unha vista moi boa para o márketing. Dese bo tino saen os nomes das distintas competicións e mesmo os nomes de equipos, de camiño entre o ridículo e o zoolóxico, que son os que máis capacidade teñen de reunir abondosos seguidores.

Como non tiña moita gana de pensar nome para unha categoría este pareceume axeitado para agrupar un número de artigos sen dúbida relacionados pero non ordeados, coa característica común de que sei con cal vou a comenzar pero non sei cal será o derradeiro, se tan sequera haberá un derradeiro ou se ha converter nunha serie infinita. En canto a estas entradas teño unha esperanza (que para corresponder á magnitude declarada das series, lle asignaremos o tratamento de “Grande de Oblomovka”) i esta é que sexan máis reflexionadas e un pouco máis longas que as entradas habituais de patalexo, euforia, lacazanería, etc.

As dúas primeiras “Grandes Series” que considerei son:

-Documentos canónicos.

-Personaxes.

A grande serie de “Documentos canónicos” pretende citar de cada vez un contido en soporte electrónico ou físico cun breve comentario, podendo ser este un libro, un artigo doutro blog ou un blog completo, un video, un arquivo de son, etc. que teña especial relevancia na cosmogonía onírica de Oblomov modificada, que é como podería definir a miña propia, engloba basicamente o soño orixinal de Iliá máis aditamentos propios, uns por mera actualización e outros por contaminación.

A grande serie de “Personaxes” servirá basicamente para falar mal de todo tipo de xente real ou ficticia, animal ou cousa personificada e por suposto grupos e organizacións, que existisen en calquera momento temporal despois da separación xenética das crucíferas, máis específicamente da diferenciación entre o nabo e berza.

Digo ben, falar mal, o que non quere dicir que a entrada non poida contribuir a engrandecer ó persoaxe comentado e afundir a miña propia figura histórica. Neste caso ha de terse en conta que estaría feito con intención mais non con atención.

Como dirían dous personaxes que merecerían aparecer nalgún documento canónico (estará YouTube ó día neste caso??):

-Toni!!!!

-Beni!!!

-A ver que vai ser esto!!!!!

comentarios

Deixa un comentario