Vacacións en Oblómovka
Estes días estounos pasando na miña Oblómovka particular, remanso de paz, nirvana do lecer. Isto quere dicir que me adico basicamente á vida contemplativa, tratando de non pensar no retorno ao traballo, cada vez máis perto (vinteoito de Agosto, para máis concretar). Ben sei que o contraste entre a calma actual e o estrés inhumano que é habitual na miña oficina me fará achar de menos o demorado pasar dos días neste mes de vacacións.
Agora, en que consiste a vida contemplativa aquí en Oblómovka?
Pois fundamentalmente en facer o contrario que o resto do ano, cando o xugo do traballo nos impide mesmo desviar a ollada do sulco na terra. Podería dicirse que as miñas actividades principais son durmir, ler, pasear, tomar algo cos amigos, escribir neste blog, avanzar nunhas investigacions xeométricas ultrasecretas que levo en mancomún co meu amigo Pau, argallar co PC e, por riba de todas as cousas, cuidar a miña alimentación.

Unha pirámide alimenticia saudábel
Este último punto é verdadeiramente importante e nunca debe ser descuidado na formación dun oblomovista. Unha dieta adecuada é o sustento dunha vida feliz (máxima meta do noso culto). Como todo o mundo sabe, a base da pirámide alimenticia sempre foi, e seguirá sendo, o porco en calquera das suas infindas variacions nutritivas, sexa en forma de lardo, touciño, lacón, xamón… Quer unha cachucha quer uns roxóns, unha soá ou unha orella, o mellor amigo do home, o cocho, nunca debe faltar na mesa do bon oblomovista.
Este exquisito manxar pode (e debe) ser complementado con outros dos que xa falaremos de vagar. Hoxe só mencionarei o pan de centeo (que ademais é base dese elixir chamado kvass). Desde que cheguei a Oblómovka, hai tres semanas, o meu consumo de pan de centeo atinxiu niveis desmesurados. Non darei dados para non asustarvos. O mesmo poderia dicir da inxesta de “Estrella Galicia”, que durante o ano laboral é simbólica, mas que estes dias ameaza con convertir o meu fígado en paté de Iliá Ilich.
Quizá deberia preocuparme pola miña saúde. Semellante inxesta de hidratos de carbono, graxas insaturadas e cervexa non pode ser boa. Mas a pregunta é, merece a vida plena e feliz expor as coronarias ao risco da arteriosclerose? É asumíbel o perigo dunha tripa cervexeira na busca da eudaimonía total? A miña resposta, amigos, é que si.
comentarios
Deixa un comentario

